Publicador de contidos
Publicador de contidos

Junqueras dá por pactada a amnistía co PSOE

Junqueras dá por pactada a amnistía co PSOE

O líder de ERC afirma que xa está incluída no acordo para a constitución da Mesa do Congreso que asinaron o mes pasado

Ministros socialistas aseguran descoñecer tal pacto sobre a amnistía

G24.gal 19/09/2023 14:51

O presidente de ERC acudiu este marte ao Congreso dos Deputados, en Madrid, e aproveitou para meter presión nas negociacións para a investidura. Oriol Junqueras dá por feita a lei de amnistía porque, di, xa "forma parte xa do acordo ó que chegamos co PSOE para a constitución da Mesa do Congreso".

Varios ministros socialistas aseguraron hoxe descoñecer tal acordo. Segundo Miquel Iceta, ministro de Cultura e Deporte en funcións, "se existe e se asinou, debe ser público e coñecido".

Tamén Pilar Llop, ministra de Xustiza en funcións, afirmou ante os xornalistas que non viu "ningún documento" e engadiu que "todo o que se faga, calquera negociación, será dentro do marco da nosa Constitución".

Tampouco a voceira de Junts, Miriam Nogueras, quixo pronunciarse sobre tal acordo e remitiu a ERC calquera explicación sobre o mesmo. Os de Carles Puigdemont seguen marcando, así,  distancias cos republicanos á hora de negociar.

Unha vez máis, o líder de ERC volveu facer un chamamento a Junts para "coordinarse nalgún momento" porque, segundo Oriol Junqueras, "sería mellor e facilitaría esta negociación".

E é que os socios da coalición insisten, polo momento sen éxito, en que os independentistas deben renunciar á vía unilateral. "Non cabe un espazo de unilateralidade cando se está falando de negociar, cando hai un proceso de diálogo", apunta Marta Lois, voceira de Sumar no Congreso.

Con todo, para Gabriel Rufián, de ERC, "unilateral é pegar a xente nun colexio electoral".

Mentres tanto, o candidato á investidura, o líder do PP, segue coa súa rolda de contactos cos axentes sociais. Tras reunirse coa patronal, este martes farao co secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade