Podemos esixe que Montero siga á fronte de Igualdade nun futuro Goberno
Podemos esixe que Montero siga á fronte de Igualdade nun futuro Goberno
Junts di que vai cobrar por adiantado o seu apoio á investidura
ERC dá por descontada a amnistía e esixe avanzar na resolución do conflito
O Partido Popular critica as "purgas" de Pedro Sánchez
A pouco máis dunha semana do debate de investidura de Alberto Núñez Feijóo, o Partido Popular asegura que seguirá dando a batalla por conseguir os apoios que precisa e para impedir que Pedro Sánchez ceda ás esixencias dos independentistas cataláns.
Na reunión do consello nacional de Junts, celebrada este sábado en Mataró, a voceira do grupo parlamentario, Miriam Nogueras, advertiulle ao PSOE que non se trata de transformar España senón de non perder a nación catalá, e que non cederán nin medio milímetro na defensa do país como fan outros.
"Agora imos cobrar por adiantado, nós non facemos nada a cambio de nada".
Esquerra Republicana tamén reuniu o seu consello nacional. A secretaria xeral, Marta Rovira, fuxida da xustiza, interveu por videoconferencia. Dixo que dá por descontada a lei de amnistía pero esixe que o conflito catalán ocupe a axenda política durante toda a lexislatura.
"Damos por descontada unha lei de amnistía que só falta por pechar".
Apoio a Irene Montero
Podemos celebrou un acto político en Madrid que se converteu nun acto de apoio á ministra de Igualdade en funcións, Irene Montero.
"Esiximos que Irene Montero siga á fronte do Ministerio de Igualdade porque foi un referente do feminismo para todo o mundo", dixo Ione Belarra, secretaria xeral de Podemos.
Desde Granada, o coordinador xeral do PP anunciou contactos co PNV e cos axentes sociais. Elías Bendodo fixo un chamamento a participar no acto do próximo 24 de setembro contra a lei de amnistía e criticou o que cualifica de purgas no PSOE.
"O PSOE de Sánchez é da Unión Soviética con purgas incluídas, a quen fala apártano".
Mentres, o líder dos socialistas cataláns, Salvador Illa, cre que Feijóo se dedica a crispar en lugar de traballar pola súa investidura.
"Son tempos de prudencia e de valentía, dun liderado valente como o de Pedro Sánchez".