Publicador de contidos
Publicador de contidos

Junts afirma, tras verse con Sánchez, que seguen lonxe dun acordo de investidura

Junts afirma, tras verse con Sánchez, que seguen lonxe dun acordo de investidura

Noguerras entregoulle a transcrición da declaración realizada por Puigdemont en Bruxelas en que puxo as súas condicións para apoiar a investidura

Pedro Sánchez reúnese coa voceira de Junts no Congreso, Míriam Nogueras (EFE/J.P.GANDUL)
G24.gal 13/10/2023 13:23 Última actualización 14/10/2023 09:48

A portavoz de Junts no Congreso, Míriam Nogueras, afirmou este venres tras reunirse co presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, que aínda están lonxe dun "compromiso histórico" que supoñería o seu apoio á investidura e entregoulle por escrito as esixencias de Carles Puigdemont.

Sánchez, que estivo acompañado pola ministra de Facenda, María Jesús Montero, e o secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, reuniuse con Nogueras no Congreso para pechar a rolda de contactos que mantivo cos partidos para tentar lograr apoios para a súa investidura.

En declaracións aos xornalistas ao termo desa reunión, a dirixente de Junts afirmou que na actualidade seguen lonxe do que cualificaron de "compromiso histórico".

"Se se trata de facer o que se fixo nos últimos catro anos, entón é que non son os votos de Junts aqueles que están a buscar. Non estamos aquí nin para escoitar nin para facer o que se fixo estes últimos catro anos porque todos sabemos, e constatouse, que non funcionou", engadiu.

Aclarou que tampouco se reuniron con Sánchez para coñecer as condicións do PSOE para que Junts dea o seu apoio, senón para reiterar as súas esixencias. Por iso, entregoulle a transcrición da declaración realizada por Puigdemont o pasado 5 de setembro en Bruxelas na que puxo as súas condicións para apoiar a investidura.

En concreto, unha lei de amnistía, o recoñecemento e respecto á "lexitimidade democrática" do independentismo e a creación dun mecanismo de verificación dos acordos son as condicións previas para que a súa formación.

Ao preguntarlle se falaron dunha posible amnistía, apelou á discreción para non facer comentarios respecto diso e falar só cando sexa necesario. "Estamos nun momento absolutamente transcendente e extraordinario e nós non xogaremos ao xogo dos titulares ou das filtracións, que para iso -dixo- xa hai outros".

Nesta ocasión, a diferenza do ocorrido o pasado mércores cando Sánchez reuniuse co portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, non houbo unha chamada previa feita pública á cúpula de Junts.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade