Lineker deixa de presentar na BBC ata que pacten o seu uso das redes sociais
Lineker deixa de presentar na BBC ata que pacten o seu uso das redes sociais
O exfutbolista criticara en Twitter o proxecto de lei contra a inmigración ilegal presentado pola ministra Braverman
Gary Lineker, exfutbolista da selección inglesa e unha das principais figuras da televisión no Reino Unido, deixará de presentar o programa Match of the Day da BBC, que dirixe desde 1999, ata que alcance un acordo coa corporación pública sobre o uso que pode facer das redes sociais.
Lineker foi o centro da polémica nos últimos días polas súas críticas en Twitter ao plan do Goberno conservador británico de negar o asilo a migrantes que chegan en lanchas. A BBC ten unha política estrita de imparcialidade en redes para o seu persoal.
O presentador mellor pagado da cadea (máis dun millón de euros ao ano) xa tivera problemas no pasado polas súas críticas ao Partido Conservador. Desta volta, cualificou de "máis que horrible" o proxecto de lei presentado pola ministra de Interior, Suella Braverman, e dixo que a súa linguaxe lembra á da Alemaña nazi.
Nun comunicado, a BBC anunciou este venres que a recente actividade de Lineker viola as pautas sobre redes sociais da empresa e engadiu que "non debería tomar partido en cuestións partidistas ou en controversias políticas".
Un pouco máis tarde, o tamén exfutbolista e comentarista Ian Wright anunciou que non vai participar no programa deste sábado en solidariedade co seu compañeiro, un paso que tamén deu o exdianteiro Alan Shearer.
Reaccións
A ministra Braverman cualificou de "irresponsables" as declaracións de Lineker. A titular de Cultura, Lucy Frazer, tamén as censurou e subliñou que a BBC debe ser imparcial para "manter a confianza da audiencia" que a subvenciona.
A oposición laborista atacou a "decisión covarde" da cadea pública, que considera "un asalto á liberdade de expresión" motivada pola "presión política".
A ministra principal escocesa, a nacionalista Nicola Sturgeon, considerou "indefendible" apartar a Lineker e, para os liberaldemócratas, o incidente demostra a necesidade de fortalecer a BBC para que sexa "o suficientemente sólida para enfrontarse a presións políticas e defender a liberdade de expresión".
Match of the Day é o programa de fútbol máis popular do Reino Unido e o máis lonxevo do mundo, xa que se emite desde o 22 de agosto de 1964.