Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os socialdemócratas gañan a primeira volta das eleccións xerais lituanas e os populistas quedan terceiros

Os socialdemócratas gañan a primeira volta das eleccións xerais lituanas e os populistas quedan terceiros

O LSDP logrou un 20,73 %; os socialdemócratas gobernaron por última vez de 2012 a 2016

Os resultados definitivos e a composición do próximo goberno lituano non se coñecerán antes da segunda volta, dentro de dúas semanas

A líder do Partido Socialdemócrata e actual eurodeputada, Vilija Blinkevičiūtė, celebra a súa vitoria nos comicios (Reuters) A líder do Partido Socialdemócrata e actual eurodeputada, Vilija Blinkevičiūtė, celebra a súa vitoria nos comicios (Reuters)
G24.gal 14/10/2024 08:00 Última actualización 14/10/2024 09:54

O Partido Socialdemócrata (LSDP) de Vilija Blinkevičiūtė gañou a primeira volta das eleccións parlamentarias co 19,36 % de apoios, seguido pola centrista-conservadora Unión Nacional-Demócratas Cristiáns Lituanos (TS-LKD) da actual primeira ministra, Ingrida Simonyte, co 17,96 %.

O novo partido populista de esquerda, Nemuno Aušra (Novo Amencer ou NA), que o domingo se mantiña aínda en segundo lugar con case o 60 % dos votos escrutados, queda finalmente no terceiro posto, co 14,99 % dos votos, segundo informou este luns a Comisión Electoral Central (CEC) co resultado definitivo dos 1947 colexios electorais.

En cuarto, quinto e sexto lugar colócanse, respectivamente, a Unión Democrática Por Lituania, o Movemento Liberal e a Unión de Campesiños e Verdes, co 9,24 %, o 7,70 % e o 7,02 %.

Así, son seis os partidos que accederán ao Seimas unicameral desta exrepública soviética nas primeiras eleccións xerais desde a invasión rusa de Ucraína.

O LSDP obtén 18 dos 70 escanos elixidos proporcionalmente por listas nunha circunscrición nacional; a gobernante TS-LKD, 17; Novo Amencer, 14; a Unión Democrática Por Lituania, 8; o Movemento Liberal, 7, e a Unión de Campesiños e Verdes, 6.

Os outros 71 escanos do total de 141 que compoñen o Seimas son elixidos por sistema maioritario de dúas voltas en distritos uninominais.

Os resultados definitivos e a composición do próximo goberno lituano non se coñecerán antes da segunda volta, dentro de dúas semanas.

É probable que Simonyte sexa substituída pola socialdemócrata Blinkevičiūtė, exministra e actualmente eurodeputada, que aspira a formar un novo Goberno de coalición de centro-esquerda, pois o presidente do país Gitanas Nauseda, un centrista de tendencia conservadora, mantén frecuentes disputas co Executivo actual.

Mesmo mentres se contaban os votos o domingo pola noite, a radiotelevisión pública lituana LRT informou de que os líderes do LSDP, que encabezaba a votación da lista de partidos, e da Unión Democrática Por Lituania, de centro-esquerda, anunciaron que tentarían formar a coalición gobernante".

Algúns partidos xa dixeran que non queren ver a NA en ningún Goberno de coalición, como os socialdemócratas, e que hai que aplicar un cordón sanitario, mentres que outros, como Nauseda, admiten que podería formar parte dunha alianza coa condición de que a súa cara visible, é dicir Remigijus Žemaitaitis, non ocupe ningún ministerio.

NA, que se autodefine como forza de esquerdas pero é considerada populista e con opinións cambiantes polos expertos, foi constituída en 2023 por Remigijus Žemaitaitis, deputado que foi expulsado do conservador Partido Liberdade e Xustiza (PLT) por expresar opinións antisemitas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade