Louzán: "Confío plenamente na xustiza e que o Supremo resolva absolutoriamente"
Louzán: "Confío plenamente na xustiza e que o Supremo resolva absolutoriamente"
O novo presidente da RFEF agarda que o TS acepte o recurso contra a sentenza da Audiencia de Pontevedra que o condenou a 7 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación
Rafael Louzán pretende "pacificar o fútbol español" e facer "o mellor mundial da historia"
Arrinca o mandato de Rafael Louzán como novo presidente da Federación Española de Fútbol. Chega ao cargo tras obter unha vitoria rotunda fronte á outra candidatura que se presentaba, a do valenciano Salvador Gomar.
Louzán sucede nesta responsabilidade a Pedro Rocha e Luis Rubiales, ambos imputados por corrupción. O seu desembarco na RFEF prodúcese apenas dous meses antes de que o Tribunal Supremo resolva o recurso que presentou en decembro pasado contra o ditame da Audiencia de Pontevedra que o condenou en 2022 a sete anos de inhabilitación por un delito de prevaricación cometido cando presidía a Deputación Provincial de Pontevedra.
Nunha entrevista no 'Bos días' da Televisión de Galicia, Louzán afirma que afronta o pronunciamento do alto tribunal "con tranquilidade" e confía en que o Supremo resolva o recurso "absolutoriamente".
Explica que "non pensa" en renunciar á presidencia da RFEF en caso de que o Supremo rexeite o recurso. Afirma que se decidiu presentarse ao cargo foi porque os seus compañeiros "pedíronme que liderase este reto".
Louzán confía en sacar a Federación Española de Fútbol "do ambiente de crispación" dos últimos meses e insiste na "man tendida ao Goberno" ante as críticas vertidas desde Moncloa á Federación Española de Fútbol por escoller unha persoa para a presidencia condenada por corrupción.
Segundo Louzán, "calquera español sen sentenza firme pode presentarse a calquera entidade pública ou privada", e tacha de "non adecuadas" as palabras vertidas desde o Goberno en relación á súa elección, "porque a súa actitude debía ser de neutralidade". Segundo explicou, "este Goberno non é o máis adecuado para falar destas circunstancias. O tempo porá a cadaquén no seu sitio".
"Pretendemos pacificar o fútbol español"
O novo presidente da Federación Española de Fútbol asegura que "nos vindeiros días" terá que tomar importantes decisións, como a composición do seu novo equipo directivo.
Asegura que se vai incorporar "persoas novas que non tiñan que ver coa xestión da propia Federación" e que proceden "de todo o territorio español". O seu primeiro obxectivo é "pacificar o fútbol español" tras a etapa convulsa que marcou a presidencia dos seus antecesores.
"Hai grandes retos. O primeiro é tranquilizar e ter unha relación de consenso e cordialidade con todos os actores do fútbol español. Espero acertar".
"Podemos facer un bo mundial ou o mellor mundial da historia"
O principal obxectivo do equipo de Louzán é preparar o Mundial de Fútbol de 2030 xunto con Marrocos e Portugal. "Podemos facer un bo mundial ou o mellor mundial da historia. España debe albergar o peso especifico da organización e da final deste mundial", explica.
Unha das sedes elixidas en España para acoller os partidos do Mundial é o estadio coruñés de Riazor, que deberá ser reformado para cumprir coas esixencias da FIFA. Estímase que a remodelación podería custar entre 60 e 90 millóns de euros.
Preguntado por quen debe asumir o custe, o novo presidente da RFEF asegura: "As cidades teñen que asumir o seu papel".
Louzán chega á RFEF tras dez anos á fronte da Federación Galega. Afirma que en Galicia queda "un extraordinario equipo" e que "calquera deles está perfectamente capacitado para continuar o labor".