Barbón e Rueda reclaman máis recursos e unha reforma urxente do financiamento autonómico
Ambos presidentes denuncian que Galicia e Asturias están infrafinanciadas co actual sistema
Galicia estima que necesitaría entre 550 e 600 millóns de euros adicionais, mentres que Asturias calcula un déficit de entre 200 e 250 millóns
Os presidentes de Galicia, Alfonso Rueda, e do Principado de Asturias, Adrián Barbón, coincidiron este venres na necesidade de reformar "canto antes" o sistema de financiamento autonómico, nunha negociación multilateral que teña en conta o custo real dos servizos públicos.
Así o manifestaron durante a sétima edición dos ‘Encontros no Eo’, celebrada en Oviedo, organizada por La Voz de Galicia, La Voz de Asturias e o Banco Sabadell.
Ambos mandatarios reivindicaron a vixencia da Declaración de Santiago, asinada en 2021 por oito comunidades autónomas, entre elas Galicia e Asturias, que reclama unha distribución máis xusta dos recursos segundo criterios de poboación axustada e dispersión territorial.
Segundo explicaron, co modelo actual, ambas comunidades están infrafinanciadas. Galicia estima que necesitaría entre 550 e 600 millóns de euros adicionais, mentres que Asturias calcula un déficit de entre 200 e 250 millóns.
Desacordo pola quita da débeda proposta polo Estado
Un dos puntos de desencontro foi a proposta do Goberno central de condonar parte da débeda autonómica. Rueda cualificou esta medida como un “negocio ruinoso”, ao considerar que se trata dun movemento contable que restaría financiamento a outros servizos esenciais. "Se aceptamos a quita, o debate do financiamento remata aí", advertiu o presidente galego.
Pola súa banda, Barbón anunciou que Asturias aceptará a condonación de 1.508 millóns de euros, o que permitiría devolver os niveis de débeda a cifras anteriores á crise económica. Asegurou estar “nun 75 % satisfeito” co repartimento, dado que esa proporción se fixo segundo o criterio de poboación axustada, como defendía o Principado.
Acceso á vivenda e zonas tensionadas, dúas visións diferentes
Outro dos temas abordados foi a dificultade de acceso á vivenda. Ambos coincidiron na importancia de destinar orzamentos específicos para construír vivenda pública. Non obstante, discreparon sobre a eficacia da declaración de zonas tensionadas prevista na Lei de Vivenda.
Barbón valorou positivamente a súa implantación en Cataluña, onde di que xa se observa unha baixada dos prezos do alugueiro. Avanzou que o seu Goberno está a traballar para declarar varias zonas tensionadas en Asturias nos próximos meses.
Pola contra, Rueda considerou que esta medida “non soluciona” o problema da vivenda e lembrou que só un concello galego -A Coruña- solicitou aplicala. “Por algo será. Este tipo de instrumentos non funcionan”, sentenciou.
Sistema de dependencia: reclaman ao Estado máis financiamento
No ámbito das políticas sociais, os dous presidentes mostraron unidade á hora de esixirlle ao Goberno central que achegue a súa parte correspondente para financiar o sistema de dependencia.
Rueda denunciou que o Estado só achega entre o 36 % e o 37 % do que lle corresponde, e cifrou a débeda acumulada en 2.500 millóns de euros. Pola súa parte, Barbón salientou os esforzos realizados polo Principado para reforzar os equipos de valoración e pediu que se teña en conta o “sobreenvellecemento” da poboación á hora de repartir os fondos.