Luis Perea e Aitor Gelardo, presentados no Rácing
Luis Perea e Aitor Gelardo, presentados no Rácing
Ambos xogadores chegan para reforzar a medular racinguista
A Malata acolleu esta mañá a chegada de seareiros para facer o seu carnet de abonados/as, e a presentación de dous xogadores para o cadro do vindeiro ano. Luis Perea e Aitor Gelardo chegan para reforzar o mediocampo do Rácing, que conta con máis de seis xogadores para esa demarcación.
Por unha banda, Luis Perea é un pivote defensivo madrileño de 27 anos procedente do Leganés, co que ascendeu a Primeira División. De grande envergadura, destaca polo seu poderío físico, ademais da súa veteranía na competición. Preguntado pola competitividade no posto, afirmou que será positiva para o rendemento do grupo. En canto a el mesmo, afirma vir dun bo momento, e ter gana de "reivindicarse" para "mostrar o seu nivel".
Preguntado pola acollida do Rácing, Perea falou previamente con varios integrantes do vestiario racinguista que lle recomendaron a súa incorporación. Despois dos primeiros días no grupo, o madrileño afirmou sentirse moi ben acollido, dentro dun grupo "moi san".
Por outra banda, Aitor Gelardo provén dun contexto moi distinto ao de Perea. O valenciano sae da canteira do Vilarreal con tan só 22 anos e moito por demostrar, por iso destaca o seu rol de "achegar e aprender da competencia", especialmente dos xogadores con maior percorrido na categoría. No referente á súa adaptación ao grupo, Gelardo afirmou que pasou dificultades nun primeiro momento, despois de adestrarse pola súa conta durante o verán antes de unirse ao club ferrolán.
O Rácing debuta o vindeiro sábado ás cinco da tarde na Malata fronte ao recentemente ascendido Málaga. Veremos se Cristóbal confía nalgunha destas novas incorporacións para o encontro.