Macron perfílase como claro favorito para gañar as presidenciais francesas
Macron perfílase como claro favorito para gañar as presidenciais francesas
Macron apela a unha Francia unida, europeísta e comprometida coa OTAN no peche da campaña
Marine Le Pen di que a escolla é "ou Macron ou Francia", aludindo ao personalismo do seu contrincante
Francia elixe mañá basicamente entre un presidente europeísta ou unha presidenta euroescéptica, pero a estas alturas do partido o triunfo para Emmanuel Macron parece practicamente asegurado. As últimas sondaxes outórganlle unha vantaxe de entre 10 e 14 puntos sobre Marine Le Pen e se non gañase a sorpresa sería histórica.
No final da campaña, Macron, dixo que rexeita os discursos que obrigan a elixir entre os barrios populares e a Francia rural. Apela a unha Francia universal e unida, e tamén forte na Unión Europea a través do eixe franco-alemán.
"A escolla é simple: é Macron ou Francia", este é o mantra repetido nos últimos días por Marine Le Pen, aludindo a un presidente personalista e elitista, con dificultades para conectar coas clases populares.
Francia decidirá entre programas nidiamente diferenciados. Macron fai unha defensa pechada da Unión Europea e da OTAN, mentres Marine Le Pen propón saír da Alianza Atlántica. Curiosamente Le Pen centrou parte da campaña en defender que non se toque a idade de xubilación, que en Francia é de 62 anos, mentres Macron propón ampliala progresivamente ata os 65 anos. A candidata de extrema dereita foi moito máis dura no tema migratorio e no que coinciden os dous é en defender a expansión da enerxía nuclear.
Os franceses escollen de novo entre os dous candidatos que chegaron á segunda volta hai cinco anos. Un déjà vu coa esquerda ausente da gran final.