Publicador de contidos
Publicador de contidos

Macron dá por boa a lei de inmigración a pesar de que a xustiza anulase varios artigos

Macron dá por boa a lei de inmigración a pesar de que a xustiza anulase varios artigos

Os xuíces eliminaron a creación do delito de estadía irregular, o endurecemento do acceso ás prestacións sociais ou o establecemento de cotas migratorias anuais

G24.gal 25/01/2024 22:39

O presidente de Francia Emmanuel Macron deu por boa a lei de inmigración, despois de que o Consello Constitucional francés anulase este xoves unha parte significativa desta polémica norma e aparcase as medidas máis duras que incluíra a dereita durante a negociación parlamentaria.

Macron considerou que os xuíces do Constitucional "validaron a case totalidade das medidas que estaban contidas no proxecto de lei do Executivo".

A norma fora endurecida substancialmente durante o debate parlamentario por esixencia da dereita dos Republicanos (LR), que o macronismo necesitaba para aprobala.

O presidente, que solicitara ao Constitucional un ditame sobre a lei e actualmente está en visita de Estado na India, pediu ao ministro do Interior Gerald Darmanin que poña en marcha a norma "canto antes", aínda que esta non satisfaga a LR nin á ultradereita, que tamén votara a favor do texto.

Nunha entrevista na canle TF1, Darmanin confirmou que Macron promulgará a lei "na próximas horas" e destacou que, a pesar dos vetos do Constitucional, a norma servirá para expulsar os inmigrantes irregulares que delinquisen.

No seu ditame deste xoves, os xuíces do alto tribunal censuraran da lei que saíu do Parlamento a creación do delito de estadía irregular, o endurecemento do acceso ás prestacións sociais ou o establecemento de cotas migratorias anuais.

Tamén figuran entre as medidas reprobadas as restricións ao reagrupamento familiar, a imposición dunha fianza aos estudantes estranxeiros como garantía de que sairán do país ou as restricións ao chamado dereito de chan na adopción da nacionalidade francesa.

Les Républicains (LR), o partido máis damnificado pola decisión xudicial, reaccionou por boca do seu presidente Eric Ciotti, quen acusou os membros do Consello Constitucional de "xulgar de forma política e non xurídica" e considerou "imprescindible" unha reforma constitucional "para salvagardar o destino de Francia".

En canto ao partido da ultradereita, Rassemblement National (Reagrupamento Nacional), RN, de Marine Le Pen, tamén manifestou o seu descontento.

Le Pen considerou que un referendo sobre a Constitución é a única solución para abordar a cuestión migratoria.

O Constitucional tomba as cotas de inmigrantes

O Consello Constitucional tombou un dos símbolos da dereita para controlar a inmigración, a imposición de cotas de entrada, pero fíxoo por razóns de forma.

Censurouna porque a lei aprobada definitivamente en decembro establecía que esas cotas as fixaría o Parlamento nun debate anual, e os xuíces constitucionais sinalan que iso atenta contra o principio de separación de poderes, porque aos deputados e senadores non se lles pode impoñer a organización do seu traballo.

Pola contra, deu o seu visto e prace a un dispositivo controvertido que obriga os estranxeiros extracomunitarios que queiran obter un permiso de residencia a subscribiren un contrato polo que se comprometen a respectar os principios da República Francesa.

É dicir, que a autorización administrativa para vivir en Francia implica dicir de forma explícita (algo que non teñen que facer os franceses) que van respectar as liberdades individuais, a liberdade de expresión ou de conciencia, a igualdade de homes e mulleres, a Constitución e a integridade territorial francesa.

E sobre todo, que non se ampararán nas súas crenzas ou nas súas conviccións relixiosas para subtraerse ás regras comúns.

A aprobación da lei de inmigración supuxo un xiro ou polo menos unha inflexión cara á dereita do Goberno do presidente Emmanuel Macron, ao ceder en moitos puntos do seu obxectivo inicial para atraer o favor de LR, e iso á conta dunha certa división entre as súas propias filas.

Esta división traduciuse no voto contra a lei de 27 dos 248 deputados do bloque macronista, os da á máis centrista, e tamén na dimisión do ministro de Sanidade Aurélien Rousseau.

A ampla censura constitucional da lei abre agora un período de incerteza sobre a posibilidade de volver coser as fracturas dentro dese bloque, pero tamén abre o risco dunha ruptura con LR, que serán necesarios para futuros proxectos lexislativos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade