Macron e Scholz tratan de superar as súas diverxencias sobre a invasión de Ucraína
Macron e Scholz tratan de superar as súas diverxencias sobre a invasión de Ucraína
París acolle o adiado cumio francoalemán
O cumio francoalemán, adiado o ano pasado, comezou co encontro de Scholz con Macron na Universidade da Sorbona para celebrar os 60 anos exactos do Tratado do Elisio, que selou a amizade de dous países que libraron tres guerras entre os séculos XIX e XX.
Scholz asegurou no acto que, xuntos e en defensa do proxecto de paz europeo, van seguir apoiando a Ucraína durante o tempo que sexa necesario.
Precisamente a forma de enfrontar as consecuencias da invasión de Ucraína, como a necesidade dunha política europea de defensa, a inflación e o control dos prezos da enerxía, distanciaron os gobernos de Scholz e Macron durante 2022. Os mandatarios danse este domingo a oportunidade de superar diverxencias.
En outubro solventaron algunhas pero quedan asuntos pendentes. O envío a Kíiv dos tanques alemáns Leopard 2, que Berlín aínda non autorizou, é un. Tamén se espera que falen, por exemplo, da fixación do prezo do gas, que serve de referencia para a electricidade. Os dous mandatarios darán unha rolda de prensa conxunta esta tarde.