Macron vence e disputará con Le Pen a presidencia francesa na segunda volta
Macron vence e disputará con Le Pen a presidencia francesa na segunda volta
Macron lograría unha porcentaxe por riba do 28 % e Le Pen, sobre o 23 %
Macron tende a man "a todos" e chama a votar contra a extrema dereita
Os principais candidatos da dereita, socialistas, ecoloxistas e comunistas xa pediron o voto para Macron dentro de dúas semanas
A abstención roza o 25 %, superior á de 2017, pero sen chegar aos mínimos de 2012
O actual presidente francés e candidato á reelección chama á formación dun "gran movemento de unidade e acción". Nas súas primeiras valoracións sobre a xornada tendeulles a man a todos os electores e dixo estar disposto a "inventar algo novo para unir sensibilidades e conviccións diversas" con vistas á segunda volta.
"A vosa confianza hónrame e comprométeme. Non nos equivoquemos, Nada está decidido. O debate que teremos nos próximos quince días é decisivo para o noso país e para Europa", afirmou Macron.
As proxeccións en Francia outórganlle a vitoria ao actual presidente Emmanuel Macron cunha porcentaxe por riba do 28 por cento dos votos e cunha lixeira vantaxe sobre a candidata da ultradereita, da Fronte Nacional, Marine Le Pen, que lograría algo máis do 23 por cento.
Supón que o actual presidente Macron, tería unha diferenza superior aos catro puntos sobre a candidata Le Pen. Estes resultados confirmarían que haberá segunda volta en Francia prevista para o 24 de abril ao non lograr ningún dos doce candidatos máis do 50 por cento dos apoios.
O candidato da esquerda populista, Melenchon, obtería un 20 por cento dos apoios, algo máis das primeiras estimacións da xornada. As presidenciais, pola contra, confirmarían o afundimento dos socialistas, que coa actual alcaldesa de París, Anne Hidalgo, á fronte acadarían o seu peor resultado histórico na carreira polo Elisio, cun 2,1 % dos votos, conforme as estimacións das sondaxes a pé de urna.
Derrota clara da dereita e a esquerda tradicionais
Fóra da loita pola presidencia quedan dez candidatos, entre os que están as representantes da dereita máis tradicional, Valerie Pecrese, e do Partido Socialista, a hispano-francesa e alcaldesa de París, Anne Hidalgo
A segunda volta celebrarase o próximo día 24, con Macron de favorito de novo
Todo queda agora pendente da segunda volta, que se celebrará o próximo día 24, tamén domingo, e na que as enquisas volven sinalar o actual presidente como gañador, aínda que por unha marxe de tres ou catro puntos, tan escasa que fai posible pensar na posibilidade de que a ultradereitista e euroescéptica Marine Le Pen se faga coa presidencia. En calquera caso, a batalla electoral seguirá aberta, xa que no mes de xuño haberá eleccións lexislativas en Francia.
Voto para Macron
O paso á segunda volta da candidata ultradereitista ás presidenciais, Marine Le Pen, acollérono a maioría dos aspirantes derrotados cun chamamento en favor do actual xefe de Estado, Emmanuel Macron.
Desde o líder esquerdista Mélenchon, que quedaría cun 21 por cento en terceira posición, á conservadora Valérie Pecresse, do centro dereita, empatada co ecoloxista Jadot ou a socialista Hidalgo, que recibiu un pau histórico, ata o comunista Roussel pronunciáronse na necesidade da unión contra Le Pen.
O único apoio no seu favor é o do tamén candidato de extrema dereita, Zemmour, que obtería un 7,2 % dos sufraxios, que dixo que non se equivoca de adversario e pide que voten a Le Pen o 24 de abril.