Macron mantense como favorito para ser reelixido presidente de Francia
Macron mantense como favorito para ser reelixido presidente de Francia
A ultradereitista Marine Le Pen está convencida de que o 24 dará a sorpresa
Nin Le Pen nin Macron, ese era o berro dominante nas manifestacións antifascistas deste sábado en Francia. Os participantes expresaban deste xeito a súa disconformidade por teren que elixir presidente, o próximo día 24, entre dúas candidaturas cualificadas de malas para o futuro do país: a do liberal e actual presidente, Emmanuel Macron, e a da líder ultradereitista e antiinmigración Marine Le Pen.
As enquisas manteñen como favorito a Macron nas presidenciais do día 24
Os dous vencedores da primeira volta chegan moi igualados á segunda e definitiva, aínda que as enquisas lle dan a vitoria a Macron, con algo máis do 54 por cento dos votos, sobre unha Le Pên que conseguiría o 46, é dicir, arredor de seis puntos de diferenza.
O presidente e candidato Emmanuel Macron participou este sábado nun acto en Marsella, un lugar difícil para a súa candidatura: "O 24 de abril hai un referendo a favor ou en contra da Unión Europea, dixo Macron. O 24 de abril é unha consulta a favor ou en contra da ecoloxía, a favor ou en contra da nosa xuventude, a favor ou en contra da nosa república"
Marine Le Pen convencida de que o 24 dará a sorpresa e será presidenta de Francia
A candidata ultradereitista, Marine Le Pen, elixiu unha localidade próxima a París, Saint Remy, onde hai anos que gaña a súa Agrupación Nacional. Le Pen mostrouse convencida de que o día 24 dará a sorpresa e converterase en presidenta de Francia.
"Vou dirixir este país coma unha nai con sentido común, con coherencia, sen excesos, pero tendo en conta as ducias de millóns de franceses que non foron prioritarios para os gobernos dos últimos anos", sinalou Le Pen.
O próximo mércores, Macron e Le Pen participarán nun crucial debate televisivo
Macron e Le Pen reuniranse o próximo mércores nun novo debate televisivo, crucial para decidir o voto dos abundantes indecisos.