Manter o labor de fiar e tecer a la
Manter o labor de fiar e tecer a la
A Asociación Bolboreta Fiandeira leva dez anos espallando a tradición do fiado
Confían nas novas xeracións para que collan o seu legado e sigan poñendo en valor a la
A Casa do Patrón en Lalín converteuse a fin de semana nun fiadeiro para dar a coñecer todo o proceso de transformación das fibras naturais. Unhas fiaron e teceron no liño, outras traballaron coa la.
Hai dez anos que naceu en Lugo Bolboreta Fiandeira.
"Somos unhas mulleres comprometidas con espallar esta bonita tradición, que é fiar. Queremos darlles voz a aquelas mulleriñas que deixaron a vida e os ollos naquelas lareiras fiando na la para poder calzar os seus fillos, para que non pasaran frío, e ao marido. Era do que se vivía, porque daquela non había outra cousa", conta Concepción Montero, fiadeira da asociación.
Había quen fiara desde cativa, outras foron aprendendo nestes anos e tamén lles buscaron labor aos seus compañeiros.
"Toda a vida foi de mulleres pero os homes cando había os fiandóns de antes ían para conquistalas. A muller que fiaba máis la era a que mellor miraban porque así levaban o surtido para a casa. Eles cardan a la, e despois nós fiamos. Entón traémolos con nós porque é moi bonito", recorda Concepción
E se o proceso do liño era longo, o da lá tamén é laborioso.
"Temos que ter as ovellas, quitarlles a la, lavala, escarpullala, fíase, xúntanse dous fíos e tórcense para facer a la máis grosa e diso pódense facer moitas cousas", describe.
Fundamentalmente o que queren é pór en valor o que fan para que non se perda.
"O que pasa é que isto non dá cartos. Na vida que levamos hoxe, ti máis, eu quero máis e eu quero máis. Pero eu penso que a xente que está comprometida vai fiar. Porque é moi bonito saber de onde vimos para dicir a onde queremos chegar", di Montero.
E mentres fían, traballan as mans e traballa a cabeza, acompáñanse unhas ás outras e manteñen viva a súa historia.