Marcos Méndez cre que a guerra en Ucraína entra nunha etapa decisiva
Marcos Méndez cre que a guerra en Ucraína entra nunha etapa decisiva
O xornalista estivo máis de 80 días sobre o terreo e volve a finais de mes
Marcos Méndez é a voz en galego que nos achegou desde territorio ucraíno o día a día desta contenda. O xornalista aproveitou un descanso no seu labor para visitarnos. Ao seu entender, o verán pode ser decisivo na marcha dos acontecementos, se Kíiv recibe o armamento que precisa.
"Parece que a axuda xa está comprometida e agora esas armas teñen que chegar aló, que é outro dos problemas. Parece que vai ser ao longo do verán. Imos ver que pasa".
Méndez estivo sobre o terreo máis de 80 días. Confesa que o vivido o impactou xa cando chegou á fronteira polaca.
"A nivel persoal foi moi duro ver eses milleiros de mulleres e nenos que dun día para outro tiveron que cambiar de vida. Daste conta de que polas noites tes que facer un exercicio de limpeza: o que pasou hoxe, pasou, mañá é outro día".
O reporteiro volve para Ucraína a finais de mes para seguir informando en primeira persoa desta guerra.