Publicador de contidos

Publicador de contidos

Le Pen, fóra das presidenciais de 2027 tras ser inhabilitada por desvío de fondos

Le Pen, fóra das presidenciais de 2027 tras ser inhabilitada por desvío de fondos

O tribunal condena a líder da extrema dereita francesa a catro anos de prisión, 100.000 euros de multa e cinco anos de inhabilitación con aplicación inmediata polo desvío de fondos do Parlamento Europeo entre 2004 e 2016

A condena frea a carreira política da líder da extrema dereita francesa a dous anos das presidenciais

A líder da extrema dereita francesa, Marine Le Pen, abandona o tribunal tras coñecer a sentenza (REUTERS / Abdul Saboor) A líder da extrema dereita francesa, Marine Le Pen, abandona o tribunal tras coñecer a sentenza (REUTERS / Abdul Saboor)
G24.gal 31/03/2025 11:04 Última actualización 31/03/2025 22:07

A líder da extrema dereita francesa, Marine le Pen, foi condenada este luns a catro anos de prisión, dous firmes que pode cumprir con brazalete electrónico, 100.000 euros de multa e a cinco anos de inhabilitación con aplicación inmediata polo desvío de fondos do Parlamento Europeo entre 2004 e 2016 en beneficio do seu partido.

A pena pon en xaque o seu futuro político e a súa intención de presentarse ás eleccións presidenciais de 2027, para as que aparecía como a principal favorita das sondaxes.

Le Pen abandonou o Palacio de Xustiza tras coñecer a inhabilitación inmediata, sen esperar a que o tribunal anunciase todos os detalles da súa pena. Pouco despois chegou á sede do seu partido sen realizar declaracións á nube de xornalistas que a esperaban.

Minutos máis tarde chegou o seu número dous, Jordan Bardella, que anulou o seu desprazamento a Estrasburgo para o pleno do Parlamento Europeo, e tamén sen facer declaracións.

O que está considerado como o seu delfín político publicou unha mensaxe nas redes sociais no que considerou que con esa sentenza "a democracia francesa queda executada".

Oito antigos eurodeputados foron condenados tamén a prisión e inhabilitación

Os outros oito antigos eurodeputados do seu partido recibiron tamén a distintas penas de prisión, multas e de inhabilitación.

Unha das figuras máis destacadas do partido, Louis Aliot, alcalde da cidade de Perpiñán, a de maior tamaño gobernada pola extrema dereita, foi condenado a tres anos de inhabilitación pero sen aplicación inmediata debido á súa condición de electo a nivel local.

A sentenza considera que Le Pen herdou en 2009 o "papel central" do seu pai como instigador do sistema de financiamento do partido co diñeiro dos asistentes parlamentarios da Eurocámara e exerceuno "autoridade e determinación", polo que lle impuxo a maior condena.

Aínda que a parte que máis doeu foi a aplicación inmediata, con carácter preventivo, da inhabilitación, porque compromete as súas opcións de presentarse por cuarta vez ao Elíseo.

A presidenta do tribunal xustificouno por "a gravidade dos feitos", pola necesidade de probidade da vida pública e porque o sistema de financiamento ilícito do partido atentou contra a neutralidade democrática, ao permitirlle concorrer en condicións vantaxosas ás eleccións. 

Rusia interpreta a sentenza como unha "violación das normas democráticas" por parte das capitais europeas. "Cada vez son máis as capitais europeas que seguen o camiño de pisotear as normas democráticas", sinalou o portavoz do Kremlim, Dmitri Peskov. Con todo, recalcou que "por suposto" Rusia non quere interferir nos asuntos internos de Francia.

Le Pen cualifica de política a súa condena e insiste en optar á presidencia en 2027

A líder da extrema dereita francesa, Marine Le Pen, cualificou como "política" a sentenza.

Le Pen fixo estas declaracións nunha entrevista na canle de televisión TF1, a primeira tras coñecer a condena.

Segundo a política, de 56 anos, o obxectivo da sentenza é "impedir que sexa elixida presidenta en 2027".

A líder de Rassemblement National recoñeceu que a súa candidatura está en risco, aínda que considera que aínda queda “un pequeno camiño”.
"Vou pedir que a apelación me permita presentar candidatura", declarou.
Tamén pediu celeridade á xustiza para resolver o recurso antes da cita electoral.

A pesar da inhabilitación, Le Pen asegurou que non se considera afastada da vida política.
"Non vou deixar que me eliminen facilmente", afirmou.
Engadiu que seguirá co seu “combate político” e que o apoio electoral segue intacto.

Sobre o seu sucesor político, o eurodeputado Jordan Bardella, de 29 anos, Le Pen sinalou que "é unha aposta formidable".
Con todo, expresou o seu desexo de non ter que recorrer a el antes do necesario.

"Non estou desmoralizada, estou escandalizada. Indignada. Pero eses sentimentos poden ser un motor máis para o combate que levo a cabo polos franceses", concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade