Publicador de contidos
Publicador de contidos

Marrocos asegura que España apoia a súa proposta de autonomía do Sáhara

Marrocos asegura que España apoia a súa proposta de autonomía do Sáhara

Unidas Podemos rexeita a nova postura do PSOE sobre o conflito

Pedro Sánchez viaxará a Rabat para desenvolver a folla de ruta "desta nova etapa"

A Fronte Polisario di que Sánchez "sucumbe á chantaxe" de Marrocos como "peaxe" por retomar relacións

AXENCIAS 18/03/2022 17:31

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, trasladou ao rei Mohamed VI que España considera a proposta de autonomía presentada por Marrocos en 2007 para o Sáhara Occidental como "a base máis seria, crible e realista para a resolución desta disputa", nunha misiva difundida polo Gabinete Real marroquí a través dun comunicado.

Segundo a nota do Gabinete Real, na mensaxe Sánchez subliña que "recoñece a importancia da cuestión do Sáhara para Marrocos" e destaca "os esforzos serios e cribles de Marrocos no marco das Nacións Unidas para atopar unha solución mutuamente aceptable" á disputa entre Marrocos e a Fronte Polisario pola excolonia española.

"O noso obxectivo é o de construír unha nova relación baseada na transparencia e a comunicación permanente, o respecto mutuo e o respecto aos acordos asinados por ambas as partes, a abstención de toda acción unilateral para estar á altura da importancia de todo o que compartimos", afirma Sánchez na misiva difundida polo Gabinete Real.

Sempre segundo o comunicado do Gabinete Real, Sánchez traslada ao soberano marroquí que "España actuará coa absoluta transparencia que corresponde a un grande amigo e aliado". "Asegúrolle que España sempre cumprirá os seus compromisos e a súa palabra", engade o presidente español.

Na carta Sánchez refírese ao asunto da emigración e reitera ao monarca a súa "determinación para afrontar xuntos os desafíos comúns, especialmente a cooperación da xestión dos fluxos migratorios no Mediterráneo e o Atlántico, con espírito de total cooperación".

"Todas estas accións levarán a cabo co obxectivo de garantir a estabilidade e a integridade territorial dos dous países", conclúe o presidente no texto difundido por Marrocos.

O ministro Albares asegura que "hoxe se inicia unha nova etapa da relación cn Marrocos.

Comunicado do Goberno español

Segundo un comunicado emitido polo Goberno español, manifestaron que se inicia "unha nova etapa da relación con Marrocos baseada no respecto mutuo, o cumprimento dos acordos, a ausencia de accións unilaterais e a transparencia e comunicación permanente". 

Tamén aseguraron que esta nova etapa se desenvolverá nunha folla de ruta clara e ambiciosa. Afirman que esta decisión se toma "para garantir a estabilidade, a soberanía, a integridade territorial e a prosperidade dos nosos países".

Por outro lado, fai fincapé no comunicado da necesidade de "afrontar xuntos os desafíos comúns, especialmente a cooperación na xestión dos fluxos migratorios no Mediterráneo e no Atlántico".

Postura de Unidas Podemos

Unidas Podemos non comparte esta proposta porque o plan autonomista que defende Rabat supón abandonar a posición de neutralidade e o consenso das resolucións da ONU.

Din que se trata dunha postura coa que se desbotaría de facto o 'mutuo acordo' xa que nin a Fronte Polisario nin Arxelia aceptarían esta solución.

Desde Podemos defenden que a única solución pasa por implementar o dereito internacional e as resolucións adoptadas en Naciones Unidas, que sinalan a necesidade de celebrar un referendo e de respetar a libre determinación do pobo do Sáhara.

Esta mensaxe producise meses despois da crise máis grave entre Marrocos e España das últimas dúas décadas, que comezou a finais de abril do pasado ano coa acollida do líder da Fronte Polisario, Brahim Gali, para ser hospitalizado na cidade española de Logroño e a avalancha de inmigrantes irregulares que entraron a nado en Ceuta en maio.

A pesar desta crise sen precedentes, que se materializou na chamada a consultas da embaixadora de Marrocos en Madrid, os monarcas dos dous países non deixaron de intercambiar mensaxes de cortesía e sinais de compromiso para mellorar as relacións bilaterais.

O rei marroquí fixo un xesto de achegamento a Madrid o pasado agosto, cando nun discurso expresou o seu desexo de inaugurar unha nova etapa con España, pero as relacións entre ambos os países non volveron á normalidade.

Na tradicional recepción ao corpo diplomático o pasado 17 de xaneiro, o rei Filipe VI tendeu a man a Marrocos para "camiñar xuntos" con España e "empezar a materializar xa" unha nova relación.

Tras as súas palabras, o Goberno marroquí reaccionou pedindo a España "moita claridade" e afirmando que sen "lealdade na causa nacional do Sahara (Occidental)" as relacións de Marrocos con outros países non avanzan.

O Polisario afirma que Sánchez "sucumbe á chantaxe" de Marrocos 

A Fronte Polisario lamentou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "sucumbe ante a presión e a chantaxe" de Marrocos ao avalar o seu plan de autonomía para o Sáhara Occidental como "peaxe" para retomar as danadas relacións políticas e diplomáticas entre ambos os países.

O delegado do Polisario en España, Abdulah Arabi, afirmou nunha entrevista a Europa Press que o Goberno español leva anos "tentando agradar constantemente a Marrocos", xogando cunha "ambigüidade" que, na súa opinión, non lle corresponde como "potencia administradora" dun territorio pendente de descolonización.  

Para Arabi, o feito de que España recoñeza agora o plan de autonomía marroquí como a opción máis realista para resolver o futuro da antiga colonia pon en evidencia a "hipocrisía" do Goberno cando fala de "defender a legalidade internacional".  

Neste sentido, sinalou que o plan de Rabat "é unha opción, pero non é a solución", e reivindicou a necesidade de convocar un referendo que contemple a autodeterminación e non que o Sáhara Occidental quede baixo os designios de Marrocos.

"A solución ten que basearse na elección do pobo saharauí", recalcou o delegado, antes de apuntar que España "ten unha responsabilidade política e xurídica" específica. Pronunciarse como o fixo este venres, indicou, "contradise enormemente coa súa responsabilidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade