Marta Lois cualifica de "malos sen paliativos" os resultados de Sumar Galicia
Marta Lois cualifica de "malos sen paliativos" os resultados de Sumar Galicia
A formación que lidera Yolanda Díaz non conseguiu representación no Parlamento galego ao obter só un 2 % dos votos
Di que á formación lle faltou tempo pero que seguirá traballando para conseguir unha coalición progresista
A candidata de Sumar Galicia cualificou os resultados do seu partido nestas eleccións como "malos sen paliativos". Dixo que lles faltou tempo pero quixo rematar cunha mensaxe positiva dicindo que son un partido de futuro que seguirá traballando para conseguir unha coalición progresista en Galicia.
Sumar quedou nestas eleccións lonxe de obter representación ao conseguir menos do 2 % dos votos. Quedou relegada ao quinto posto en número de papeletas obtidas, por detrás de Vox.
Lois compareceu arredor das dez e media da noite no hotel Peregrino arroupada polos membros do seu partido, entre os que non se atopaba a líder do partido e vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz.
Yolanda Díaz recoñece que os resultados son "malos"
A vicepresidenta segunda do Goberno e líder de Sumar Yolanda Díaz recoñeceu que os resultados nas eleccións galegas celebradas este domingo son "malos" e non se logrou o cambio na Xunta.
Hoxe os resultados son malos, non se logrou o cambio na Xunta.
— Yolanda Díaz (@Yolanda_Diaz_) February 18, 2024
Todo o cariño para @MLoisgonzalez, para os compañeiros e compañeiras de @sumargalicia e grazas a todas as persoas que confiaron en nós.
Seguiremos traballando por un futuro mellor para Galicia.
Nunha mensaxe en galego na rede social X, en que non fai ningunha referencia ao PP nin ao seu candidato Alfonso Rueda, gañador dos comicios, Díaz envía "todo o agarimo" á candidata de Sumar Marta Lois e aos seus compañeiros de Sumar, que non obtivo ningún escano no Parlamento de Galicia.
"Grazas a todas as persoas que confiaron en nós. Seguiremos traballando por un futuro mellor para Galicia", conclúe.