Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mazón recoñece que "houbo cousas que non se fixeron ben" e afirma: "Non eludirei responsabilidades"

Mazón recoñece que "houbo cousas que non se fixeron ben" e afirma: "Non eludirei responsabilidades"

O presidente valenciano afirma que "non contaron con información suficiente e a tempo" sobre a riada

Mazón promove a creación dunha comisión de investigación en Les Corts sobre a DINA e pide outra no Congreso

As explicacións de Carlos Mazón chegan 17 días despois da catástrofe, que deixou ata o momento 216 mortos, 16 desaparecidos e danos multimillonarios en Valencia

Mazón anuncia a creación dunha nova "vicepresidencia para a recuperación económica e social" e unha Consellería de Emerxencias e Interior

O 'president' da Generalitat Valenciana durante a súa comparecencia en Les Corts para informar sobre a xestión da DINA (Rober Solsona / Europa Press)
G24.gal 15/11/2024 08:35 Última actualización 15/11/2024 18:01

Cun minuto de silencio en memoria das vítimas da DINA arrincou en Les Corts a comparecencia do president da Generalitat, Carlos Mazón,  para explicar a xestión da DINA do pasado 29 de outubro, que, polo momento, deixou un balance de 216 falecidos, 16 desaparecidos, máis de 70 localidades arrasadas e danos materiais multimillonarios.

As primeiras palabras de Mazón foron de "pésame e recordo para os familiares das vítimas mortais e os desaparecidos a causa da peor riada padecida en España desde 1962 e unha das peores catástrofes naturais de Europa".

O president pediu desculpas a quen sentiu que "a axuda non chegaba ou era insuficiente" tras o paso da DINA.

"Fíxose o mellor que se puido, coa información de que se dispoñía e cos recursos cos que se contaban, pero é evidente que non foi suficiente"

Na súa intervención, o president da Generalitat, Carlos Mazón, fixo "autocrítica" e afirmou que non vai negar "fallos" na xestión da DINA do pasado 29 de outubro.

Segundo explicou, a Generalitat non contou "con información suficiente e a tempo" para afrontar a "letal riada" e asegurou: "Fíxose o mellor que se puido na situación en que se estaba, coa información de que se dispoñía e cos recursos cos que se contaban, que é evidente que non foi suficiente".

Na súa primeira comparecencia ante Lles Corts Valencianes para dar explicacións políticas sobre a xestión da DINA, o president recoñeceu que "houbo cousas que non se fixeron ben", pero recalca: "Non vou eludir ningunha responsabilidade".

O president explica que mantivo a axenda ese día porque "a conselleira de Xustiza xa estaba no centro de mando"

Mazón indicou que na tarde do 29 de outubro a Confederación Hidrográfica do Xúcar lle enviou "un simple correo electrónico" para informar dunha crecida "brutal" da rampla do Poio.

Explicou que se ese día mantivo a súa axenda foi porque “a conselleira de Xustiza (e Interior, Salomé Pradas) xa estaba no centro de mando e en contacto coa delegación do Goberno.

Explicou que “cando fun advertido de que a situación se agravaba, fun ao CECOPI" e, recalcou, cando chegou alí "non foi necesario que me puxesen ao día de nada nin atrasei nin un segundo as tarefas".
 

O president da Generalitat, admite que foi "un erro" borrar das súas redes sociais un chío asegurando “que a DINA se ía desprazar á serra de Cuenca". Dixo que o fixo baseándose na información que lle trasladara Aemet e engade que, se a borrou, foi "para eliminar unha información que podía resultar confusa por obsoleta".

Segundo indicou, estaban preparados para afrontar precipitacións de 180 litros por metro cadrado acumulados en 12 horas, e tomaran as medidas e adoptaran todos os reforzos para afrontar ese escenario.

Pero non estaban preparados para que "a realidade daquel fenómeno absolutamente excepcional fose cinco veces superior ás previsións meteorolóxicas" e os protocolos existentes non foron "suficientes e eficaces para facer fronte coa celeridade e a urxencia que requiría a situación".

Mazón promove unha comisión de investigación parlamentaria para coñecer "con luz e taquígrafos" o que ocorreu

O president da Generalitat anunciou que o PP proporá crear unha comisión de investigación en Les Corts para analizar "con luz e taquígrafos" o ocorrido o pasado 29 de outubro e poder dar resposta "á peor traxedia da nosa historia recente".

"Necesitamos saber por que a nosa experiencia previa neste tipo de situacións e os protocolos que ata entón funcionaran non foron suficientes para evitar ou paliar os terribles danos que sufrimos".

Mazón espera que nas Cortes Xerais, "como non pode ser doutra maneira, tamén se cre unha comisión de investigación".

O xefe do Executivo autonómico afirma que a sociedade valenciana "está sumida nunha profunda dor, que sofre tamén toda España nas peores horas da nosa historia", e tivo palabras de agradecemento para os reis, aos que agradece a "empatía, agarimo, valentía e consolo ao querer estar a carón dos que o perderon todo".

Tamén eloxia a resposta do exército, os gobernos autonómicos, Deputacións, concellos, empresas e oenegués e tivo palabras de agradecemento para "os milleiros de voluntarios que nos últimos 17 días acudiron axudar nun acto de compromiso admirable que a sociedade valenciana nunca vai esquecer".

Mazón afirma que "a magnitude da traxedia e as súas consecuencias marcan un antes e un despois nas nosas vidas. Nada volverá ser igual" e pide "altura de miras, responsabilidade e que todas as administracións do Estado deamos o mellor das nosas capacidades e recursos ante a peor situación da nosa historia recente, só comparable a un escenario bélico".

O president asegura: "O pobo valenciano volverá poñerse en pé mentres choramos polos que perdemos. Teñan os valencianos a seguridade de que nos levantaremos de novo".

A intervención de Mazón chega 17 días despois da catástrofe e case unha semana despois da manifestación celebrada en Valencia en que 130.000 persoas esixiron a súa dimisión.

A oposición pedirá responsabilidades políticas

Prevese unha sesión tensa e longa. O president dispón dunha intervención inicial sen límite de tempo. A continuación haberá un receso de dez minutos e despois será a quenda dos grupos  (Vox, Compromís, PSPV e PP) cun máximo de 15 minutos cada un.

Logo, Mazón volverá tomar a palabra para responder, de novo sen límite de tempo, aos distintos grupos políticos. Abrirase entón a quenda de contrarréplica de 15 minutos, que o xefe do Consell poderá contestar, unha vez máis sen límite de tempo.

O PSPV quere que a comparecencia sirva para que Mazón "asuma a súa responsabilidade" e explique aos valencianos "que era máis importante que estar na emerxencia".

Compromís esixirá a dimisión de Mazón, ao considerar que non pode seguir "nin un minuto máis" á fronte da reconstrución, e preguntaralle "onde estaba" ese día e por que enviou tan tarde a alarma aos valencianos.

Vox considera que Mazón "ten que dar moitas explicacións, recoñecer moitos erros e asumir todas as responsabilidades pola incompetencia" e esixiralle que "rectifique 180 graos" a súa xestión "incompetente e nefasta" da catástrofe.

No PP aseguran que é "momento de falar de recuperación, con plans concretos, coa axuda de todos, tamén coa do Estado", e apelan a "deixar as diferenzas a un lado para axudar os afectados e saír adiante".

Mazón anuncia a creación dunha nova "vicepresidencia pra a recuperación económica e social" e unha Consellería de Emerxencias e Interior

O 'president' da Generalitat, Carlos Mazón, anunciou a creación dunha nova "vicepresidencia para a recuperación económica e social" e dunha consellería de Emerxencias e Interior para afrontar a reconstrución tras a DINA do pasado 29 de outubro e reforzar a prevención ante catástrofes.

Mazón lanzou estes anuncios ao finalizar o discurso inicial da súa comparecencia en Les Corts para dar conta da xestión da DINA, sen desvelar os nomes que ocuparán estes departamentos nin concretar cando abordará a remodelación do Consell. Segundo avanzou, crearase "unha nova estrutura gobernamental".

"Un novo Consell para a recuperación que nace co propósito claro e firme de asegurar que a recuperación social e económica chegue a cada recuncho da Comunitade Valenciana".

Será, explicou, unha estrutura "dinámica, moderna e eficiente", encabezada pola nova vicepresidencia que coordinará a todas as consellerías nas medidas de reconstrución. 

Ademais, a nova consellería de Emerxencias e Interior -ata o de agora de Xustiza e Interior- analizará riscos e establecerá protocolos que irán "desde as emerxencias sanitarias ata as catástrofes naturais", xunto a unha maior concienciación cidadá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade