Publicador de contidos

Publicador de contidos

Miles de persoas maniféstanse en Galicia polos dereitos das mulleres para conmemorar o 8-M

Miles de persoas maniféstanse en Galicia polos dereitos das mulleres para conmemorar o 8-M

A manifestación máis numerosa tivo lugar en Vigo este sábado pola tarde. Foi a manifestación convocada polo colectivo Resposta feminista

Os manifestantes non tiveron medo á chuvia e ao vento e saíron á rúa

Minifestación polos dereitos das mulleres en Vigo, este sábado
G24.gal 08/03/2025 20:31 Última actualización 09/03/2025 10:33

Nas principais cidades galegas, este sábado, miles de persoas manifestáronse para conmemorar o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller desde que foi declarado pola ONU en 1977, aínda que xa comezara a celebrase dous anos antes. É un día de reivindicación dos dereitos das mulleres, da súa plena equiparación salarial cos homes e contra o machismo. 

Malia o temporal de choiva e vento que azouta hoxe Galicia, as rúas vestíronme de morado e de pancartas. A manifestación máis numerosa tivo lugar en Vigo este sábado pola tarde. Foi a manifestación convocada polo colectivo Resposta feminista e á que se sumaron outras organizacións sociais, partidos políticos e sindicatos, a pesar de que se organizaron outras dúas marchas na cidade.

No medio dunha intensa choiva e vento, miles de persoas, moitas delas con impermeables morados, saíron da  praza de España, encabezadas por unha pancarta do colectivo organizador na que se lía: "O feminismo muda a historia. Sen loita non hai futuro"

Priscila Retamozo, voceira de Resposta feminista considerou "moi importante" que, aínda que o tempo non axude, "as mulleres esteamos na rúa aquí en Vigo, coma no resto do mundo, falando dos nosos dereitos".

Respecto ás principais reivindicacións da manifestación deste ano, explicou que o foco está nas mulleres emigrantes, a centralidade dos coidados, o apoio que necesita o deporte feminino, "a necesidade de que a vergoña cambie de bando", a abolición da prostitución, a pornografía e "moitas outras cousas que ten que ver coas violencias que atravesan o noso día a día".

En canto ao avance da ultradereita e o seu discurso machista, Retamozo dixo que "hai que facer moita pedagoxía e explicar que cando as mulleres avanzan ningún home retrocede".

"Aquí está, aquí se ve, o feminismo galego en pé", foi unha das frases máis coreadas polos manifestantes, entre os que había moitas mulleres novas, pero tamén de todas as idades e bastantes homes.

Manifestación en conmemoración do 8-M en Santiago de Compostela Manifestación en conmemoración do 8-M en Santiago de Compostela

Unha marea morada de mulleres saíron da praza 8 de Marzo nun ambiente festivo con música e batucada en Santiago

En Santiago, a pesar das previsións, a choiva respectou o inicio da manifestación e unha marea morada de mulleres saíron da praza 8 de Marzo nun ambiente festivo con música e batucada.

Na marcha, que finalizou na praza do Obradoiro coa lectura dun manifesto, ademais de lazos morados e carteis coa imaxe da poetisa Rosalía de Castro tamén se viron bandeiras palestinas.

Á manifestación compostelá asistiu a líder do BNG, Ana Pontón, acompañada da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e antes de arrincar a marcha fixo fincapé na importancia do 8 de marzo para que as mulleres saian á rúa para seguir “reivindicando os nosos dereitos” e deixar claro que “queremos ser libres e iguais”.

Tamén o PSOE galego quixo deixar claro o seu compromiso coa igualdade e puxo fin ao Congreso do PSdeG a media tarde para que a militancia, encabezada polo líder do partido, José Ramón Gómez Besteiro, asistise ás convocatorias convocadas polas plataformas feministas.

 

Manifestación polo 8-M na cidade da Coruña Manifestación polo 8-M na cidade da Coruña

Miles de persoas saíron ás rúas de todo España en defenda dos dereitos das mulleres

A celebración do 8-M estivo marcada, por cuarto ano consecutivo pola división do colectivo feminista. O feminismo acode dividido pola lei trans e polas diferenzas de opinión en canto á abolición da prostitución.  Na tarde deste domingo,  a manifestación do Movemento Feminista de Madrid, a segunda convocada hoxe na capital, percorreu o centro da cidade baixo o lema "Mulleres en loita contra o machismo global". A marea violeta tamén percorreu outras cidades coma Barcelona, Bilbao, Sevilla ou Zaragoza...

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade