Militares retirados reclaman a destitución de Sánchez e convocar eleccións

Din que están preocupados pola "ausencia de xustiza, igualdade e democracia" en España e piden que interveñan as Forzas Armadas

G24.gal 17/11/2023 13:52

Militares retirados de diversos corpos elaboraron un manifesto en que reclaman ás Forzas Armadas a destitución do presidente, Pedro Sánchez, e a convocatoria de novas eleccións ante a, ao seu xuízo, "ausencia de xustiza, igualdade e democracia" en España.

O manifesto, ao que se adheriu a Asociación de Militares Españois (AME), fíxose público este venres, despois de que Sánchez tomara posesión do seu cargo, xustifica a súa petición co artigo 8.1 da Constitución que, en relación ás Forzas Armadas, ten a misión de "defender o ordenamento constitucional", que ven en "grave perigo pola falta de independencia xudicial".

No texto, os militares retirados, que se declaran "preocupados polo devir de España", denuncian o "acoso ao Estado de dereito ao copar o Poder Executivo a maioría dos órganos xudiciais", o que "anula a independencia do Poder Xudicial e a separación de poderes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade