Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milleiros de persoas protestan na rúa contra o proxecto de Altri en Palas de Rei

Milleiros de persoas protestan na rúa contra o proxecto de Altri en Palas de Rei

Critican o modelo industrial "contaminante" da Xunta porque consideran que "acabaría co corazón natural de Galicia"

Altri lamenta que parte da sociedade perciba o proxecto de xeito negativo e insiste en que cumpre coas normativas ambientais

O PPdeG asegura que vai "seguir traballando" para que haxa industria e emprego, "respectando o medio ambiente"

Participantes na manifestación deste domingo. EFE/Lavandeira jr
G24.gal 15/12/2024 12:02 Última actualización 15/12/2024 20:11

Milleiros de persoas saíron á rúa en Santiago este domingo para protestar contra o complexo industrial de celulosa que a multinacional portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei xunto coa galega Greenalia.

A manifestación, baixo o lema "A Xunta non pode calar todo un país. Altri Non", partiu da alameda compostelá ao mediodía cara á Praza do Obradoiro.

Antes do inicio da marcha, os presidentes das organizacións convocantes, a Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), criticaron o modelo industrial "contaminante" da Xunta porque, consideran, "acabaría co corazón natural de Galicia".

"Somos veciños e veciñas que mandamos unha mensaxe a Altri, a Greenalia e á Xunta: as nosas fillas van herdar unha ría produtiva, unha terra fértil e aire e auga limpos. E non é negociable", asegurou Marta Gontá, presidenta de Ulloa Viva.

Para Xaquín Rubido, presidente da PDRA, a Xunta carece de "lexitimidade para impoñer este modelo produtivo" que, segundo dixo, afecta a milleiros de familias do sector agrogandeiro, turístico e do mar polo que "vai en contra da maioría social de Galicia".

Cuestionado polas similitudes que puidese ter co movemento cidadán Nunca Máis, tras a vertedura do Prestige na Costa da Morte hai máis de vinte anos, asegurou que na súa opinión "se achega" a aquel movemento.

"Estamos a empezar. A manifestación de hoxe vai ser algo importante, marcará un antes e un despois e logo poderemos falar se se aproxima ou non a Nunca Máis. Agardemos que si", engadiu.

A protesta contou co apoio de partidos políticos da oposición e organizacións sindicais, sociais e ambientais.

Ana Pontón suxeita a pancarta do BNG Ana Pontón suxeita a pancarta do BNG

"Manifestación histórica"

En declaracións aos medios ao comezo da manifestación, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón salientou a "marea de dignidade" da cidadanía galega nunha manifestación que considera "histórica".

"Estalle dicindo ao PP que non quere no corazón rural do país unha macrocelulosa contaminante que pon en risco o modo de vida, oito mil postos de traballo e significa unha hipoteca para o futuro".

Pontón censurou o modelo "megacontaminante" e de "destrución do territorio" que implicaría, na súa opinión, a instalación deste proxecto e que única e exclusivamente se debe a que o presidente da Xunta "actúa como comercial dunha multinacional".

"Miles de galegos dicimos Galicia si, Altri non. Queremos vida e futuro e non queremos a macrocelulosa contaminante que non quere Portugal", concluíu a dirixente nacionalista.

Tamén o veterano Xosé Manuel Beiras, próximo aos 90 anos, eloxiou a mobilización, xa que é a cidadanía "quen ten que rebelarse e defender o país" fronte ao resto de poderes, "políticos e económicos, que o queren destruír".

A marcha transcorreu nun ambiente festivo e de reivindicación, con numerosos carteis, pancartas e consignas. "Se é tan boa que a leven a Moncloa", "Rueda, recula, a auga non é túa", "A auga é nosa e non de celulosa" ou "Galicia enteira rexeita a pasteira", son algunhas delas.

Imaxe da praza do Obradoiro. EUROPA PRESS/Álvaro Ballesteros Imaxe da praza do Obradoiro. EUROPA PRESS/Álvaro Ballesteros

"Compromiso coa sustentabilidade"

O PSdeG anunciou a participación da súa viceportavoz parlamentaria, Lara Méndez, e Sumar comprometeu a presenza do seu coordinador Paulo Carlos López e de Manuel Lago.

Nun audio remitido aos medios, a deputada socialista sinala que o proxecto presentado como "estratéxico" polo PP no Parlamento "nada ten que ver co que se foi coñecendo" e dixo que o seu partido está comprometido coa veciñanza e a sustentabilidade.

Tras máis de hora e media do inicio da marcha, seguía saíndo xente da alameda en dirección á praza do Obradoiro, onde se leu un manifesto e concluíu a manifestación.

Un grupo de manifestantes. EUROPA PRESS/Álvaro Ballesteros Un grupo de manifestantes. EUROPA PRESS/Álvaro Ballesteros

Altri asegura que cumpre as normativas

Desde Altri nun comunicado din lamentar que unha parte da sociedade teña unha percepción negativa do proxecto GAMA. Subliñan que foi deseñado cos máis altos criterios de sostibilidade e respecto ao medio ambiente, marcado pola normativa europea.

Neste senso, di que a Comisión Europea non rexistrou ningunha proba do incumprimento da normativa aplicable ao proxecto, aliñado co informe Draghi que aposta por impulsar a produtividade da industria e a competitividade das empresas europeas, baixo a ollada das tecnoloxías limpas e a descarbonización.

Altri insiste en que seguirán explicando o proxecto a todas aquelas entidades e colectivos que desexen informarse. Un proxecto, que segundo a compañía, xeraría 500 postos directos na fábrica e 3.700 indirectos.

A praza do Obradoiro chea de xente A praza do Obradoiro chea de xente

Asociación de Silvicultores Costa Norte

Dende a Asociación de Silvicultores Costa Norte, que traballa no norte das provincias de Coruña e Lugo, valoran o proxecto Gama de Altri dende a súa achega económica ao produto interior bruto, así como pola súa contribución á descarbonización industrial nunha zona onde a madeira constitúe unha salientable fonte de riqueza.

"Suporía un grande incremento no Produto interior bruto galego mais español, porque só Galicia corta o 50 % da madeira de toda España. Este concello de Ortigueira é o que máis madeira corta de toda Galicia. O proxecto GAMA significaría para nosoutros valorizar as nosas materias primas; descarbonización, porque exportamos máis da metade da madeira que cortamos", asegura Sara Vale Pena, presidenta da Asociación de Silvicultores Costa Norte.

"Non queren o progreso de Galicia"

O Partido Popular de Galicia criticou o BNG, a quen considera o organizador desta manifestación contra Altri.

Paula Prado acusa aos nacionalistas de non querer o progreso de Galicia e asegura que o Goberno da Xunta non vai permitir unha instalación que non cumpra coa normativa medio ambiental.

"Non queren o progreso de Galicia, non queren o avance de Galicia, non queren industria, non queren emprego e nós seguiremos traballando para que haxa industria, haxa emprego sempre respectando o medio ambiente porque sen emprego non hai futuro".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade