Milleiros de rusos despiden a Gorbachov nun funeral sen rango de Estado
Milleiros de rusos despiden a Gorbachov nun funeral sen rango de Estado
Vladimir Putin escusou a súa ausencia por motivos de axenda
Os restos mortais de Mijaíl Gorbachov recibiron sepultura no cemiterio moscovita onde tamén xacen outros antigos dirixentes rusos, como Boris Ieltsin. O Kremlin non lle fixo, porén, un funeral de Estado igual que o de Ieltsin e Putin escusou a súa non asistencia por motivos de axenda.
Con todo, a capela ardente do último presidente da URSS estivo instalada onda a doutros líderes soviéticos anteriores: no Salón das Columnas da Casa dos Sindicatos, e coa garda de honra custodiando o cadaleito.
Premio Nobel da paz polo seu papel na fin da guerra fría, o legado de Gorbachov esperta posturas encontradas no seu país; unha parte da sociedade cúlpao da caída da Unión Soviética. Aínda así houbo que ampliar as exequias dúas horas ante os milleiros de persoas que acudiron a presentarlle os seus respectos.
Debido á invasión rusa de Ucraína, o único mandatario estranxeiro que viaxou aló para acudir ás pompas fúnebres foi o primeiro ministro de Hungría.