Morre en México o último rei do mariachi, Vicente Fernández
A voz das rancheiras faleceu aos 81 anos nun hospital de Guadalajara
Despediuse dos escenarios en 2016 cun concerto ante máis de 90 mil espectadores no estadio Azteca de México D. F.

O artista mexicano Vicente Fernández, de 81 anos, levaba internado máis de cinco meses nun hospital de Guadalajara por afeccións respiratorias.
Presumiu en vida de "seguir sendo o rei" e advertiu nas súas rancheiras que o día da súa morte teriamos que "chorar, chorar e chorar", como cantaba nun dos seus temas máis recoñecidos mundialmente: “Pero o día que eu morra sei que terás que chorar, chorar e chorar”.
A voz icónica do mariachi mexicano, un dos mellores do xénero xunto con Pedro Infante, Jorge Negrete e Javier Solis, apagouse de xeito definitivo. Estaba baixo coidado médico desde agosto.
Tiña seguidores en medio mundo e tamén en Galicia. Para eles hoxe chegou a hora de chorar o rei. Con 55 anos de carreira, uns 100 millóns de álbums e máis de 75 millóns de discos vendidos por todo o mundo tivo tamén unha gran traxectoria cinematográfica.
Pai do tamén recoñecido cantante Alejandro Fernández, interpretou como poucos as rancheiras O Rei ou Volver, volver e conta entre os seus múltiples galardóns con dous Premios Grammy e oito Grammys Latinos.
Despediuse dos escenarios en abril de 2016 aos 76 anos nun espectacular concerto no estado Azteza de México ante máis de 90 mil espectadores.