Rusia acusa a Kíiv de atacar con drons o Kremlin e tentar matar a Putin
Rusia acusa a Kíiv de atacar con drons o Kremlin e tentar matar a Putin
Segundo o Kremlin,Vladimir Putin "non quedou ferido" e "continúa traballando como de costume"
Ucraína rexeita as acusacións e lembra que o propósito de Zelenski é "liberar o seu propio territorio", non "atacar outros"
Zelenski, amais de negar as acusacións, enmarca as mesmas nunha estratexia de Putin para xustificarse, xa que "non ten vitorias que celebrar"
Ucraína tentou a pasada noite atacar con drons o Kremlin e asasinar o presidente Vladímir Putin, segundo denunciaron as autoridades rusas que ameazaron con medidas de represalia.
"Esta noite o réxime de Kiev tentou golpear con vehículos aéreos non tripulados a residencia oficial do presidente da Federación Rusa", indica o Kremlin nun comunicado publicado na súa páxina web.
Segundo a Presidencia rusa, "dous drons dirixíanse ao Kremlin" e "como resultado das accións oportunas tomadas polos servizos militares e especiais que utilizan sistemas de loita radioelectrónica, os dispositivos foron inutilizados".
Asegura que os drons e os seus fragmentos caeron con todo no recinto do Kremlin, sen que causaran vítimas nin danos materiais.
"(Rusia considera) estas accións como un ataque terrorista planificado e un atentado contra a vida do presidente da Federación Rusa, perpetrado en vésperas do Día da Vitoria e do desfile militar do 9 de maio, no que está prevista a asistencia de invitados estranxeiros", sinala.
O único presidente estranxeiro que confirmou a súa asistencia á celebración na praza Vermella é o líder kirguiz, Sadir Zhapárov.
Segundo o Kremlin Putin "non resultou ferido" e "continúa traballando como de costume". O martes o xefe do Kremlin traballou desde San Petersburgo e este mércores mantivo unha reunión na súa residencia campestre de Novo-Ogariovo, onde se reuniu cun gobernador dunha das rexións rusas.
Putin non adoita durmir no Kremlin. A Presidencia advertiu que Rusia "resérvase o dereito para tomar medidas de represalia onde e cando o considere oportuno". O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, asegurou que o desfile militar na praza Vermella mantense tal e como estaba previsto.
Kíiv rexeita as acusacións
O presidente ucraíno, Volodomir Zelenski, negou que lle atacasen a Putin e engadiu que "o deixan para un tribunal". Dixo tamén que só loitan para defender o seu territorio, amáis de apuntar que non teñen armas suficientes para atacar a Putin no seu lugar de traballo.
As acusacións de Moscova foron circunscritas dentro dunha estratexia na que os rusos "xa non teñen victorias que celebrar" para motivar ao seu pobo nin tampouco aos soldados que despraza á fronte de guerra.
Estas declaracións foron feitas no decurso dunha roda de prensa conxunta cos líderes dos países do norte de Europa.
Ucraína rexeitou as acusacións de Moscova e lembrou que o propósito de Volodímir Zelenski é "liberar o seu propio territorio", non "atacar a outros".
"Non temos información algunha sobre os supostos ataques nocturnos contra o Kremlin", asegurou na súa conta en Twitter o asesor da presidencia ucraína, Myjailo Podolyak.
O presidente ucraíno "dixo reiteradamente que todas as forzas e medios á nosa disposición diríxense a liberar os nosos territorios, non a atacar a outros", prosegue a mensaxe do asesor, para mostrar a continuación a súa "estrañeza" polo ton utilizado por un "Estado terrorista", en alusión a Rusia.
Un acto terrorista é "destruír vivendas en Dnipro e Uman" ou "lanzar ataques con mísiles contra a estación de Kramatorsk", asevera Podolyak, citando tres obxectivos recentes dos bombardeos rusos con decenas de vítimas civís.
Prohibición de drons
Tras o ataque ucraíno, as autoridades de Moscova prohibiron este mércores o uso de drons na capital.
"Tomamos a decisión de prohibir a partir de hoxe o uso de drons en Moscova", sinalou o rexedor da capital, Serguéi Sobinian, na súa canle de Telegram.
Sobianin agregou que os drons que se usan con fins estatais si poderán voar no espazo aéreo da capital.
"A decisión foi tomada para evitar o uso non autorizado de vehículos aéreos non tripulados, o que obstaculizaría o traballo dos servizos de seguridade", indicou.
O alcalde insistiu en que o lanzamento non autorizado dun dron é "un delito e implica responsabilidades administrativas e penais".