Multitudinaria manifestación solidaria con Palestina polas rúas de Santiago
Multitudinaria manifestación solidaria con Palestina polas rúas de Santiago
Piden o recoñecemento do Estado palestino e un maior esforzo á UE para impulsar unha desescalada da ocupación e da violencia
A voceira nacional do BNG participou na marcha e reclamoulle á comunidade internacional "accións máis contundentes"
Unha multitudinaria manifestación percorreu este domingo as rúas principais do centro de Santiago de Compostela en apoio do pobo palestino e proclamáronse consignas contra Israel, cando se cumpre un ano do inicio da ofensiva bélica.
Baixo unha gran pancarta que abría a marcha na que se podía ler Galicia con Palestina, os manifestantes cubriron o percorrido da manifestación, que tivo o seu final na praza da Quintana, baixo unha intensa chuvieira.
Ao remate da mesma axentes da Unidade de Intervención Policial (UIP) da Policía Nacional detiveron a varias persoas. Os feitos ocorreron cando un grupo de manifestantes dirixíronse aos locais de venda de comida rápida que se atopan na rúa da Senra, no centro da capital galega, ao considerar que estas empresas colaboran con Israel.
Non é unha guerra, é xenocidio, Israel asasina, Europa patrocina e Onde están que non se ven as sancións a Israel, foron algúns dos lemas coreados polas persoas convocadas pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina.
"Accións máis contundentes"
Á manifestación acudiron, entre outros, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, xunto a outros cargos da formación nacionalista, e dirixentes da Confederación Intersindical Galega (CIG) co seu secretario xeral encabezando unha das pancartas.
"Cúmprese un ano de xenocidio, 76 anos de ocupación israelí, e é evidente que estamos nunha situación crítica e cunhas consecuencias que desde o punto de vista humanitario, son dramáticas (...). É importante que toda a comunidade internacional se mobilice (...) É o momento de que se dea algún paso máis porque evidentemente hoxe Israel é un Estado que constitúe unha ameaza para a paz", afirmou a líder nacionalista.
Pontón reclamou "accións máis contundentes" e pediulle á UE o embargo de armas e a ruptura de todas as relacións económicas e diplomáticas con Israel.
"Israel está a facer co pobo palestino o que no seu momento fixeron os nazis co pobo xudeu, e isto é algo que non podemos permitir e require unha resposta moito máis contundente do que ata este momento fixo a comunidade internacional", subliñou.
Recoñecemento do Estado palestino
Ao final da manifestación na praza da Quintana, os convocantes leron un manifesto en solidariedade con Palestina no que, entre outras demandas, pediron o recoñecemento do Estado palestino, "co seu territorio íntegro, entre o río Xordán e o mar Mediterráneo".
Así mesmo, a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina demandoulle á Unión Europea "un esforzo maior para impulsar unha desescalada da ocupación e da violencia a través de relacións diplomáticas e do respecto ao dereito internacional".