A UE considera factible que Putin faga un ataque nuclear táctico
A UE considera factible que Putin faga un ataque nuclear táctico
Rodríguez Costa, experto en Defensa, ve posible un ataque de baixa intensidade
Na Unión Europea son diversas as voces que alertan sobre esa posibilidade
A estas alturas é evidente que unha guerra lóstrego en Ucraína fracasou e algúns analistas sinalan que Rusia está a preparar unha ofensiva de maior calado para os próximos días. Neste contexto, a Unión Europea xa considera a posibilidade de que un Putin illado internacionalmente chegue a utilizar armas nucleares tácticas en caso de que se atasque a invasión e se dilate no tempo.
"Apertar ese botón non significa unha guerra termonuclear global. Probablemente o primeiro que querería demostrar é que está disposto, que para iso o que fai é sinalizar, como se chama en termos estratéxicos, sinalizar que está disposto a levar a cabo unha operación en escalada empezando cun ataque nuclear táctico a un obxectivo militar cunha bomba nuclear de pouco tamaño", sinala Rodrigo Rodríguez Costa, analista de Seguridade e Defensa.
O delegado da Unión Europea en Rusia fala xa abertamente desta posibilidade. Formaría parte dunha vella táctica do Exército ruso de "escalar para desescalar", pero de aí a unha guerra nuclear hai un abismo. Mentres, a Unión Europea mantén unha unidade case inédita ante a estratexia rusa de buscar a división.
"Dedicouse a enviar unha carta a cada un dos 27 ministerios de Asuntos Exteriores e a contestación da Unión Europea foi unha soa carta amosando unidade, firmeza e que estamos dispostos, como dicía o presidente Biden unha e outra vez, a defender cada anaco de terreo aliado. Non imos tratar de agredir a Rusia, pero non imos consentir que pase tamén as nosas liñas vermellas", indica Rodríguez Costa.
Nestes momentos dáse por imposible a declaración dunha zona de exclusión aérea en Ucraína e desde o comezo da invasión xa se negou a participación directa das tropas da OTAN no conflito. Todo por manter un delicado equilibrio e evitar unha catástrofe imprevisible.