Neurocirurxía do CHUO incorpora un quirófano integrado coa tecnoloxía máis avanzada
Neurocirurxía do CHUO incorpora un quirófano integrado coa tecnoloxía máis avanzada
Permite cirurxías minimamente invasivas e máis precisas
Axuda a programar as operacións con precisión e traballar de xeito interactivo con outras áreas
No CHUO xa funciona un quirófano totalmente dixitalizado para procedementos de neurocirurxía. Dispón da tecnoloxía máis avanzada en materia de comunicación cirúrxica. O sistema ten beneficios desde antes incluso de que o paciente entre no quirófano, na planificación da operación.
"Permítenos colocar, por exemplo, o tumor dentro do TAC e da resonancia para saber de xeito preciso onde está o tumor e que zonas debemos evitar", explica Ana Pastor, xefa de neurocirurxía.
O sistema permite ter interconectada toda a información relativa ao paciente e o dano ou enfermidade que hai que corrixir ou extirpar.
"Todos os datos dos doentes se escanean e iso permite eliminar os erros asociados aos quirófanos. Aforramos tempo e sobre todo contamos coa información necesaria para realizar a cirurxía de maneira segura e eficaz", asegura Pastor.
E ofrece outras vantaxes tamén en materia de formación e colaboración exterior grazas o streaming.
"A través da interface podemos facer telemedicina, docencia e poñernos en contacto con outros servizos ou con outros países. Tamén con expertos que nos poden achegar información sobre a cirurxía que estamos facendo", conta a responsable do servizo.
En resumo, aseguran, permite neurocirurxías máis precisas e menos invasivas. Utilízase para operacións na columna cervical, lumbar e dorsal, lesións cerebrais, craniotomías e cirurxía de estimulación cerebral profunda.