No Sánchez Pizjuán comezou o xiro copernicano do Celta
No Sánchez Pizjuán comezou o xiro copernicano do Celta
Este sábado, Claudio Giráldez volve ao campo do Sevilla onde se estreou como primeiro adestrador do cadro vigués e onde o club iniciou o rexurdimento deportivo e social
Un 17 de marzo de 2024 comezaba a andaina de Claudio Giráldez no banco do primeiro equipo do Celta. A derrota contra o Real Madrid na xornada anterior precipitou o cesamento de Rafa Benítez como adestrador do conxunto vigués. Poñía fin a unha das épocas máis escuras -futbolisticamente falando- da historia recente do Celta e daba paso a unha das máis ilusionantes.
Giráldez apostou por Carlos Domínguez, Sotelo e Hugo Álvarez como titulares naquel encontro e Damián tamén participou nos últimos minutos. O Celta estaba só dous puntos por riba do descenso máis barato dos últimos anos. Gañou con goles de Strand Larsen e de Carles Pérez que remontaron o inicial de En Nesyri.
O que veu a continuación xa é coñecido. O equipo salvou a categoría gañando cinco dos dez partidos que quedaban para o final do campionato e Claudio, da man da dirección deportiva, continuou un proxecto baseado en Afouteza que enganchou os seareiros dun xeito que non se recordaba. Este Celta supera o Sevilla en dous puntos e está a só tres dos postos europeos. Xa non se pensa no descenso e si nun fútbol espectacular dentro dun equipo cheo de canteiráns.