Félix Alonso, novo adestrador do Obradoiro
Félix Alonso, novo adestrador do Obradoiro
Chega ata final de tempada e ten como obxectivo “cambiar a dinámica” dun equipo que ten como reto o regreso á Liga Endesa
O leonés Félix Alonso é o novo adestrador do Monbus Obradoiro, ao que chega tras desvincularse do Trefl Sopot da TBL polaca, onde era técnico axudante do croata Zan Tabak.
Héctor Galán, director xeral do club galego, sinalou que a súa incorporación ata final de tempada ten como obxectivo “cambiar a dinámica” dun equipo que ten como reto o regreso á liga Endesa.
“É un momento complicado, nunha situación clasificatoria que non era a que podiamos esperar a principio de tempada”, admitiu o dirixente asturiano.
O substituto de Gonzalo Rodríguez Palmeiro ten grande experiencia no baloncesto nacional, tanto como primeiro adestrador ou técnico axudante, en equipos como Melilla Baloncesto (LEB Oro); Jovent Alayor (LEB Bronce); Palma Air Europa (LEB Oro), onde estivo a un partido de conseguir ascender á ACB; San Pablo Burgos (Liga Endesa); ou Club Baloncesto Ourense (LEB Oro).
Ademais, tamén ten experiencia no estranxeiro, no New Mexico Lobos da NCAA, en Sampaense e Ovarense (Portugal), Nassjo (Suecia) ou o Basket Zielona Góra (Polonia).
“Estamos convencidos de que con Félix podemos cambiar esa dinámica. Incorporamos un adestrador con moita experiencia en diferentes competicións, moi coñecedor da primeira FEB e que desde o principio asumiu un reto que non é sinxelo”, indicou Galán, quen admite que o reto é maiúsculo porque “a estas alturas a liga xa non vai esperar por ninguén”.
“Esperemos que a partir da incorporación de Félix o equipo volva traballar, a construír, a recuperar sensacións e a afrontar os partidos coa máxima esixencia”, manifestou.