Publicador de contidos
Publicador de contidos

A familia do Muñico quere que a súa morte se xulgue como asasinato

A familia do Muñico quere que a súa morte se xulgue como asasinato

A acusación cualifica os feitos de asasinato con aleivosía e asañamento fronte ao delito de lesións da defensa

A autopsia definitiva, que segue pendente, será clave no proceso xudicial

G24.gal 24/12/2024 14:08

Case un mes e medio despois da agresión que parou en seco a praza de abastos de Santiago, segue pendente o resultado da autopsia definitiva, crucial para saber se Antonio Costa morreu polo golpe da barra de ferro ou ao dar coa cabeza no chan. A acusación teno claro. 
 

"Imos defender que estamos ante un asasinato, con aleivosía sobrevida, e que tamén existe a característica do asañamento. Cremos que os feitos son o que merecen", explica Luciano Prado, avogado da familia de Antonio Costa.

Mesma acusación para ambos detidos, malia que a implicación non foi a mesma. Segundo o garda de seguridade da praza, foi Kevin Martín quen golpeou o praceiro coa barra, pero con todo:

"Entendemos que é unha única acción feita por dúas persoas, a conciencia. Colleron este home, ademais dunha maneira salvaxe, e foi precisa a acción dun para que o outro tamén a levase a cabo", engade

Nesta comparecencia provisional o fiscal limitouse a un relato dos feitos. 

"A súa idea quizais sexa un homicidio. As defensas falaban dun delito de lesións, nada menos... curiosamente, unhas lesións cando o que hai é o falecemento dunha persoa, non unha lesión", comenta o avogado da familia.

Nos vindeiros días, será a xuíza quen decida a que cargos se enfrontan os dous acusados: delito de lesións, de homicidio imprudente ou de asasinato. A diferenza entre saír en liberdade a ser condenados a máis de 20 anos de prisión. Se nada se torce, en 2025 podería haber xuízo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar