Publicador de contidos
Publicador de contidos

Preto de trescentos maiores conviven durante o Nadal para combater a soidade

Preto de trescentos maiores conviven durante o Nadal para combater a soidade

As residencias de tempo libre da Xunta en Panxón e O Carballiño acollen o programa Xuntos polo Nadal

Vai dirixido a persoas maiores de 60 anos que vivan soas

 

Participantes do programa na residencia do Carballiño
G24.gal 25/12/2024 20:15 Última actualización 25/12/2024 20:33

Uns veñen de Ferrol, outros da Coruña, de Santiago, Malpica..., e outros, de máis preto. Pepe, o Maestro, por exemplo, é da Limia, pero xa leva anos pasando aquí o Nadal, entre Panxón e O Carballiño.

José Pérez Fernández, usuario do programa: "Os fillos están coa nai en Asturias, entón, para non pasalas só na casa, xa é o terceiro ano que veño a este programa".

Concha, de Narón, tamén escapa da soidade durante as festas.

Concha Pato, usuaria do programa: "O día de Noiteboa ao mellor ceabamos na miña casa, pero despois marchaban, coas familias das mulleres, ou onde fose, e eu quedaba soa o resto dos días".

Pero tamén hai outras motivacións. A Lola, o que lle apetecía era coller unhas vacacións.

Lola Salgueiro Castro, usuaria do programa: "Teño catro fillos, sete netos..., e levámonos ben, pero agora tócame descansar a min, non é verdade?".

Son 130 participantes aquí, e outros 140 en Panxón. En total, preto de 300 persoas, con circunstancias en moitos casos semellantes que optaron por un xeito alternativo de pasar estas datas.

José María Gavilla, usuario do programa: "É un xeito tamén de relacionarse uns con outros, porque á nosa idade é unha boa cousa facer amizades novas". "E aquí vivimos a corpo de rei, comidos e servidos. Non hai que comprar, nin guisar, nin fregar, nin nada".

Estarán aquí ata pasar os Reis, con menús especiais para as datas máis sinaladas. "E hoxe puxéronnos unha sopiña de cocido e un cocido que estaba boísimo. As cociñeiras e os camareiros e todos deben ser moi bos", comenta Concha.

Vivir só é un dos requisitos para participar neste programa, que é gratuíto para todos os seleccionados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar