Nova xornada de folgas parciais en Francia tras outra noite de disturbios
Nova xornada de folgas parciais en Francia tras outra noite de disturbios
61 persoas foron arrestadas nas protestas rexistradas en París contra a reforma das pensións
Catro refinerías do país estarán pechadas este sábado
Francia afronta este sábado a súa enésima xornada de folgas parciais contra a reforma das pensións, aprobada o xoves por decreto polo Goberno de Emmanuel Macron. Faino no medio dun crecente malestar social que deixou disturbios, por segunda noite consecutiva, en varias cidades do país.
En París as protestas espontáneas rexistradas na noite do venres na praza da Concordia saldáronse con 61 arrestos. En Lyon, os enfrontamentos coa Policía foron especialmente tensos e os manifestantes tentaron invadir a sede dunha Xunta de distrito.
O descontento da rúa, que se está organizando á marxe de sindicatos e partidos, trasladouse tamén ao Parlamento, onde se debaterán este luns dúas mocións de censura contra o executivo de Emmanuelle Macron, ao bordo dunha crise política que non se vía desde o estoupido da revolta dos chalecos amarelos en 2018.
O lixo amoréase nas rúas de París e hai problemas no tráfico ferroviario
A reforma que eleva a idade mínima de xubilación en Francia dos 62 aos 64 anos mantén aos sindicatos en pé de guerra, con algunhas folgas enquistadas, como a de recollida de lixos en París, onde milleiros de toneladas de refugallos seguen esparexidas nas beirarrúas a pesar de que o goberno francés obrigou os traballadores a volver á faena.
Este sábado agárdanse problemas na circulación de trens de alta velocidade (funcionarán 4 de cada 5), os rexionais TER (3 de 5) e de Intercities (3 de cada 5). O tráfico aéreo non debera rexistrar anulacións ou atrasos pola folga, aínda que si se agardan para o luns 20 marzo, cando se cancelarán un 30 % dos voos no aeroporto parisiense de Orly e un 20 % no de Marsella (sur).
No sector da enerxía, polo menos catro importantes refinerías do país estarán pechadas -sen que se coñeza aínda o posible impacto no abastecemento de combustible-. Ademais, catro terminais de transporte de gas e once depósitoso seguen baixo a acción dos piquetes.