Outra segunda residencia na zona rural da Limia é novamente obxecto dun roubo
Os ladróns entraron nun pazo dunha aldea de Vilar de Santos, aínda que non conseguiron acceder a todas as estancias
Atópase a carón de varias vivendas, na aldea de Parada de Outeiro, pero iso non impediu que este pazo, coñecido como o da Señorita, fora vítima dos ladróns. Accederon pola parte traseira tras romper varios cristais dunha galería e unha persiana. Foi un veciño o que se decatou e alertou os propietarios que non viven habitualmente na zona aínda que veñen a miúdo.
Marcharon cun televisor, bebidas e moedas que había na zona da cociña e causaron estragos, pero non conseguiron acceder a outras estancias do inmoble xa que as portas contan con trancas
O suceso espertou a preocupación entre os veciños. Algúns xa proxectan mesmo instalar cámaras. Na zona de Vilar de Santos non se teñen producido máis roubos pero si noutros concellos da comarca da Limia, como o de Porqueira, onde hai pouco máis dunha semana desvalixaron unha vivenda, tamén segunda residencia. A Garda Civil xa investiga os feitos.