Feijóo anuncia a súa candidatura a presidir o PP porque se sente "preparado"
Feijóo anuncia a súa candidatura a presidir o PP porque se sente "preparado"
O presidente do PPdeG di que non vai "insultar a Sánchez", que vai gañarlle
Visiblemente emocionado, asegurou que non deixará de defender os intereses de Galicia, que tamén son, engadiu, os de España
Nun acto multitudinario no Multiusos do Sar, en Santiago de Compostela, e ante a Xunta Directiva do PPdeG, o presidente do PPdeG e da Xunta Alberto Núñez Feijóo oficializou esta tarde a súa candidatura para liderar o PP porque se sente "preparado" e porque considera que pode, "xunto a un partido unido", lograr o obxectivo que ten, que é o de conseguir gobernar en España. Feijóo engadiu que "non vén a insultar a Sánchez, vén a gañarlle a Sánchez".
Feijóo marcou a súa folla de ruta se se converte en presidente do PP tras o congreso extraordinario de abril para conseguir un partido "unido" que sexa "sólido, solvente e claro". Un PP que "diga non cando haxa que dicir non e que diga si cando toque dicir si, con toda firmeza e honestidade".
Advertiu, tamén, que é posible gañarlle ao goberno bipartito, se o congreso do PP "non vai de vencernos uns aos outros" e instou a implicárense todos para volver gañar a confianza "dos dez millóns de votos" que tivo o PP.
Feijóo tamén aproveitou a súa intervención para explicar por que en 2018 non deu ese paso adiante e agora si. Dixo: "En 2018 fallar a Galicia sería fallarme a min mesmo, pero hoxe sinto que fallar ao PP sería fallar a Galicia e ao resto de España". Aínda así, o presidente do PPdeG recoñeceu que tivo dúbidas. Dixo que ademais da súa situación persoal, hai unha política en España de "revanchismo e de trincheira" en que non cre porque, defendeu "a única confrontación debe ser a das ideas e propostas".
Feijóo, visiblemente emocionado, e aclamado polos presentes, asegurou que non deixará "desde o primeiro partido de España de defender os intereses de Galicia, que tamén son os de España". E rematou comprometéndose a ser, "ocorra o que ocorra en Sevilla", "o mesmo servidor público". Rematou a súa intervención cun "grazas" repetido.