Feijóo propón unha axuda directa de 200 ou 300 euros ás rendas máis baixas
Feijóo propón unha axuda directa de 200 ou 300 euros ás rendas máis baixas
O presidente do PP traslada ao Comité Executivo a súa proposta de rebaixa fiscal e doutras medidas para combater a suba de prezos
Os populares convocarán nesta xuntanza os congresos do PP en Galicia e Madrid
O líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, propón que o Goberno rebaixe o IRPF para as rendas por baixo dos 40.000 euros e para quen ten salarios máis baixos, e, polo tanto, están exentos de presentar a declaración, expón unha axuda directa de entre 200 e 300 euros.
O aínda presidente da Xunta detallou este mércores ante o Comité Executivo do seu partido o plan económico que enviará ao Goberno o vindeiro venres, desde a convicción de que é necesario propoñer e pactar reformas para corrixir o mal rumbo da economía.
O plan de Feijóo ten catro eixes: racionalizar o gasto do Goberno, redeseñar os fondos europeos para que cidadáns e pemes sexan actores directos, reformas estruturais e, a base da súa proposta, unha baixada de impostos "selectiva, inmediata e temporal para facer fronte ao incremento masivo dos prezos, e tamén ao incremento da recadación".
Entre esas rebaixas fiscais propón reducir o IRPF a rendas menores de 40.000 euros, actualizando a tarifa de forma retroactiva desde o 1 de xaneiro e con efecto inmediato, e unha axuda directa de 200 ou 300 euros a quen ten salarios de entre 14.000 e 17.0000 euros e por tanto están exentos de facer a declaración da renda.
Ao mesmo tempo Feijóo pide actuar no imposto de sociedades, "dando liberdade para amortizar investimentos en eficiencia enerxética", rebaixar ao 4 % o IVE da electricidade ou o gas e tamén rebaixas no IVE do réxime simplificado en sectores como a industria, a agricultura e a gandería.
Argumenta Feijóo que o Goberno tiña previsto aumentar a recadación en todo 2022 en 9.000 millóns de euros e só en xaneiro e febreiro o incremento é de 7.500, polo que haberá un excedente ante o que se abren dúas vías: "deixalo en mans do Goberno ou devolverllo aos cidadáns", que por mor da inflación do 9,8 % pagan "máis polo mesmo".
"A Sánchez preocúpalle máis confrontar co PP que baixar a inflación"
Con todo, Alberto Núñez Feijóo, considera que o Goberno de Pedro Sánchez está "moito máis preocupado en confrontar co PP que en solucionar a inflación", e acusouno de querer acordar soamente a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).
"Se ao PSOE lle importase a gobernabilidade, a estabilidade, a centralidade das institucións, tentaría negociar co PP para buscar unha fórmula, presentala no Congreso dos Deputados e aprobala nos próximos días. En cambio, o que lle preocupa ao PSOE é simplemente estar no Goberno uns meses máis", declarou.
Así mesmo, afeou ao Goberno de culpar de todos os "males" ao PP e de usar "todos os recursos, todos os actos e todas as tribunas, incluída a mesa da conferencia de prensa do Consello de Ministros" para criticalos.
"Estiveron moito máis ocupados en facernos oposición que en gobernar e estiveron moito máis preocupados en confrontar co PP que en solucionar a inflación", sinalou.
Convocatoria dos congresos de Galicia e Madrid
Esta de hoxe é a segunda xuntanza do Comité Executivo do PP na era Feijóo, tras o que se reuniu en Sevilla, e servirá, ademais, para formalizar a convocatoria dos congresos da formación en Galicia e Madrid, e prodúcese un día despois de que Alfonso Fernández Mañueco tomase posesión como presidente do primeiro goberno de coalición de PP e Vox, en Castela e León.
Estaba previsto que o Comité ratificase os congresos do PP de Madrid e do PP de Galicia, que se celebrarán o 20 e 21 de maio, e o 21 e 22 de maio, respectivamente. Aínda que as dúas citas se solapan nun día, Núñez Feijóo acudirá a ambos, segundo indican fontes da formación.
No caso de Madrid, Isabel Díaz Ayuso farase coas rendas da formación, e non se agarda que conte con adversarios, pois chega despois de que o seu choque con Pablo Casado forzase a substitución do entón presidente do partido, contrario a que a presidenta da Comunidade de Madrid se fixe tamén co mando orgánico.
En Galicia, está previsto que sexa Alfonso Rueda quen se erixa en sucesor de Feijóo, quen deixou formalmente o liderado do partido galego o pasado 1 de abril.
Está no aire a data das eleccións en Andalucía. O presidente andaluz, Juanma Moreno, deixou entrever este martes que os comicios serán en xuño e abriu a porta a que non sexan en domingo.
O encontro coincide ademais coa investigación aberta pola cobranza de comisións nunha compra de máscaras efectuada polo Concello de Madrid en 2020, onde a Fiscalía imputa delitos de estafa aos acusados, e a oposición puxo o punto de mira no papel xogado polo alcalde, Martínez Almeida, que denuncia unha "cacería" da esquerda na súa contra.
Tamén sobre a mesa a proposta dos populares para que goberne a lista máis votada. Desde as filas do PP presentan a idea logo das críticas polo pacto con Vox en Castela e León que abriu a porta do Goberno á extrema dereita.
Precisamente este martes produciuse a toma de posesión de Fernández Mañueco, nun acto ao que non acudiu o líder do PP, se non a súa número dous, Cuca Gamarra, e onde si estivo presente Santiago Abascal.
Os populares restaron importancia á ausencia de Feijóo, que explicou que a súa prioridade era a reunión cos axentes sociais, e no PP falaron de cordialidade co líder de Vox, co que o aínda presidente da Xunta intercambiou mensaxes tras o congreso que lle colocou á fronte do PP.