Publicador de contidos

Publicador de contidos

O acordo PSOE-Junts perde apoios tamén en Sumar e polo menos un deputado votará non

O acordo PSOE-Junts perde apoios tamén en Sumar e polo menos un deputado votará non

Tamén anunciou o seu voto en contra Podemos -con catro deputados no grupo mixto-, co que o texto, que como lei orgánica precisa de maioría absoluta no pleno do Congreso, non conta nestes momentos con apoios suficientes para superar a primeira votación para a súa admisión a trámite

A voceira parlamentaria de JxCat cos seus compañeiros en Barcelona. EFE/Andreu Dalmau. A voceira parlamentaria de JxCat cos seus compañeiros en Barcelona. EFE/Andreu Dalmau.
G24.gal 06/03/2025 13:01

En Sumar hai un malestar crecente ante a proposición de lei de delegación de competencias migratorias a Cataluña acordada entre PSOE e Junts e o deputado de Compromís Alberto Ibáñez, integrado nese grupo parlamentario, ten xa claro que votará en contra porque, na súa opinión, pretende desprazar a axenda política cara a "marcos racistas".

Con ese argumento tamén anunciou o seu voto en contra Podemos -con catro deputados no grupo mixto-, co que o texto, que como lei orgánica precisa de maioría absoluta no pleno do Congreso, non conta nestes momentos con apoios suficientes para superar a primeira votación para a súa admisión a trámite.

En declaracións a EFE, Ibáñez confirmou este xoves o seu rexeitamento á toma en consideración da iniciativa, como publicou El Confidencial, non porque teña dúbidas sobre a delegación de competencias, senón polo fondo da cuestión. "Nun marco de auxe de extrema dereita en Europa, fixar o debate na seguridade das fronteiras ou na expulsión de persoas inmigrantes non me parece progresista (...) O que pretende o acordo de Junts e o PSOE é desprazar a axenda política cara a marcos racistas e reaccionarios", dixo o deputado.

Ao seu xuízo, un Goberno progresista debe pechar os CIE, aprobar a regularización das persoas inmigrantes, como pide a iniciativa lexislativa popular pendente de aprobación no Congreso, e acoller mellor aos menores non acompañados, e "todo o demais é unha axenda de extrema dereita".

En declaracións a EFE, a outra deputada de Compromís e portavoz deste partido dentro do grupo parlamentario Sumar, Àgueda Micó, non aclarou o seu voto, pero sinalou que comparte "plenamente" a postura do seu compañeiro e que votarán o mesmo, sempre despois dun debate interno na súa formación e en función do que decida a dirección nacional.

A incomodidade en Sumar co texto rexistrado no Congreso é cada vez mais evidente, non pola delegación de competencias, que ven ben a maioría de partidos, senón polo espírito da norma reflectido na exposición de motivos. A secretaria de Comunicación de Sumar, Elizabeth Duval, evidenciou tamén este mércores o seu malestar co marco no que está redactada a proposición de lei, expondo a realidade migratoria como unha "ameaza", asumindo argumentos ultradereitistas de Aliança catalá.

Tamén Más Madrid e a Chunta teñen reticencias, mentres que o líder de EU, Antonio Maíllo, dixo este xoves en declaracións aos medios en Madrid que o seu partido está a favor da delegación de competencias, pero ten "dúbidas técnicas, legais e ideolóxicas", sobre todo polo feito de que a iniciativa expoña a inmigración "en clave restritiva". Por iso, avisou de que se o PSOE e Junts queren contar co apoio maioritario do Congreso "terán que negociar" e sinalou ademais que terán que asumir as emendas que EU prevé presentar como parte do grupo Sumar na fase posterior á toma en consideración da iniciativa, se continuase a tramitación.

Desde Más Madrid, Manuela Bergerot insistiu este mércores na necesidade de poñer os migrantes e os seus dereitos no centro de calquera debate, e mostrou a súa preocupación ante un pacto que pode levar ese debate ao marco xenófobo dos partidos da dereita e ultradereita, "poñendo na diana ás persoas máis vulnerables".

Os Comúns, con todo, ven positivo un acordo que creará un portelo único para facilitar os trámites e fomentará a cooperación entre forzas policiais e lembran que durante o trámite parlamentario poderanse modificar puntos do texto se se considera necesario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade