Publicador de contidos
Publicador de contidos

O acusado de intentar matar súa muller no Grove admite os feitos, pero di que non os lembra

O acusado de intentar matar súa muller no Grove admite os feitos, pero di que non os lembra

O xuízo contra o home acusado de dispararlle á súa muller hai cinco anos comezou este martes en Pontevedra

O home di que non recorda os feitos, porque tras aquel "accidente doméstico" estivo "un mes en coma"

Xuízo na Audiencia de Pontevedra Xuízo na Audiencia de Pontevedra
G24.gal 16/07/2024 16:55

Empezou na Audiencia de Pontevedra este martes o xuízo contra o acusado de pegarlle dous tiros á súa exmuller no Grove hai cinco anos. O home asegurou que non lembra nada daquel episodio máis aló dunha "pequena discusión" que comezou cando a vítima, da que tiña unha orde de afastamento, chegou á súa casa e sorprendeuno durmindo aí dentro.

Eva Afonso denunciou publicamente en numerosas ocasións os incumprimentos do seu agresor e os fallos do sistema telemático de control e vixilancia. Na súa declaración esta mañá ante o xuíz, el defendeuse.

O fiscal pide para o acusado 21 anos e 11 meses de cárcere por varios delitos. O máis grave é o de asasinato con aleivosía en grao de tentativa. Pero terá que responder tamén de agresión, maltrato, tenza ilícita de armas e quebranto reiterado das ordes de afastamento.

O acusado, José Antonio P.F., que compadeceu en cadeira de rodas, admitiu os feitos. Non obstante, asegurou que non lembra nada do que pasou e que o que sabe é polo que lle "contaron outras persoas e pola prensa"

Tamén deu por válido que o 5 de decembro de 2018 accedeu ao domicilio portando, primeiro, un coitelo e, despois, un revólver co que, sen que ela tivese tempo a reaccionar, propinoulle un golpe na cara e disparoulle, aínda que, sobre isto último precisou: "Non o lembro. Estou moi nervioso".

"De memoria estou negado. Sei que houbo unha pequena discusión, e nada máis", comentou antes de relatar que o último que lembra é que estaba a durmir no sofá do salón do domicilio da súa exparella porque non puidera conciliar o sono pola noite, e que ela chegara de traballar horas antes do que esperaba cunha actitude alterada.

O acusado declarou que houbo "discusión" verbal. Despois explicou que a vítima lle dera as chaves da vivenda "para sacar os seus efectos e documentos", pero tamén manifestou que obtivo as chaves "un mes ou dous antes", unha vez que saíu buscar unhas cervexas e para evitar que, de volta ao domicilio, tocase o timbre.

O procesado contou que non lembra coller un coitelo nin ir ao cuarto da muller porque desde que lle pasou "o accidente" non pode "soñar" e borróuselle "todo iso".

Igualmente, recoñeceu que tiña unha licenza de escopeta de caza que entregou na Garda Civil, pero non o revólver que presuntamente utilizou na agresión, cuxas fotografías lle mostraron.

Preguntado sobre se con anterioridade maltratara a vítima, dixo que "maltrato nunca", aínda que si que "quentarse" si.

Ao ser interpelado novamente por se sabía os motivos que o levaban a este xuízo, remitiuse a terceiros: "Segundo din, pegueille un impacto de bala".

Dixo tamén que está "diagnosticado de nerviosismo", que non pode escribir e que lle custa ler. Todo, salvo iso último, "por mor dos feitos" daquel día de decembro no que, segundo o escrito de acusación, despois atrincheirouse na vivenda e pegouse dous tiros.

Tras aquel "accidente doméstico" que non lembra, estivo "un mes en coma", polo que lle contaron, e espertou nunha cama de hospital.

Aínda que todo iso ocorreu en 2018, o acusado tamén deberá render contas polos malos tratos previos, dos 25 anos de relación, entre 1993 e 2018.

O tribunal accedeu a que a muller declarase a porta pechada, algo que fixo unha vez que o acusado dese a súa versión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade