O alcalde de Pontevedra presentará unha moción de confianza para aprobar os presupostos
O alcalde de Pontevedra presentará unha moción de confianza para aprobar os presupostos
Cóntase con que o debate se celebre o día 8 de xaneiro
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este venres a convocatoria dunha Xunta de Goberno Local para presentar unha moción de confianza que probablemente se debaterá o próximo día 8 de xaneiro.
O rexedor nacionalista fixo este anuncio unha vez que o orzamento do Concello de Pontevedra foi rexeitado no pleno, cos votos en contra dos once concelleiros do Partido Popular, a abstención dos cinco concelleiros socialistas e o voto a favor dos oito concelleiros do Goberno local do BNG.
Tras este rexeitamento, o Goberno local recorre ao artigo 197 bis da Lei orgánica de réxime electoral xeral (LOREX) para vincular a aprobación dos orzamentos a unha cuestión de confianza.
En caso de perdela, ademais de non lograr o visto e prace para as contas, facultaría a oposición para propoñer un goberno alternativo mediante unha moción de censura.
"Estes cinco concelleiros do Partido Socialista non temos a falta de ética nin a necesidade persoal de vendernos aos seus caprichos", dixo o voceiro socialista Iván Puentes para explicar o seu rexeitamento a estes orzamentos de "lastras e cemento". "Pactar, pactar e pactar, non queda outra, señor Lores", manifestou Puentes, que ve na actitude do Goberno local "medo e debilidade".
Pola súa banda, o voceiro do Partido Popular, Rafa Domínguez, xustificou o voto en contra do seu grupo en que "son uns malos orzamentos para Pontevedra", cualificándoos de "continuístas" porque "van contribuír á decadencia de Pontevedra".
Finalmente, na súa intervención, o concelleiro do BNG Raimundo González explicou que prorrogar unha segunda vez os orzamentos supón "cuestións moi graves" que "poñerían en risco moitísimas cousas", xa que "non se podería facer ningún investimento dos previstos" como os sete millóns dos fondos europeos.
Protesta de funcionarios e suspensión do pleno
Varios funcionarios municipais protagonizaron unha protesta durante o pleno.
O alcalde tivo que facer reiteradas chamadas á orde para que se gardase silencio.
"Non van convencerme para que os expulse, pero un pouco de respecto a esta Corporación que foi elixida polos cidadáns", reclamou sen éxito o alcalde.
De novo tentou continuar o debate plenario, pero, ante o ruído do patio de butacas, o alcalde anunciou a suspensión do Pleno "ata que se poida falar". "Interromper un Pleno ten consecuencias, están avisados", advertiu o alcalde ao retomar a sesión plenaria tras quince minutos de suspensión. Despois deste incidente o Pleno retomouse sen máis problemas.