Miguel Corgos: "A Xunta aposta pola vivenda pública incrementando o orzamento en 25 millóns de euros"
Miguel Corgos: "A Xunta aposta pola vivenda pública incrementando o orzamento en 25 millóns de euros"
Miguel Corgos: "A Xunta aposta pola vivenda pública incrementando o orzamento en 25 millóns de euros"
O conselleiro de Facenda afirma que o goberno galego impulsará a construción de 8.000 vivendas públicas
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou nunha entrevista na Radio Galega a importante partida destinada á vivenda nos orzamentos de 2025, que están pendentes de aprobación, e que supoñen un importe total duns 220 millóns de euros.
Di Miguel Corgos que "é un dos departamentos autonómicos no que máis medra o presuposto pola aposta (do goberno galego) pola vivenda pública. Estes cartos irán destinados á adquisición de solo e á construción de novas edificacións".
Esta importante asignación nas contas públicas permite que gran parte desta vivenda "vaia destinada especialmente á mocidade que queira emanciparse e que precisa dunha solución de habitabilidade que se adapte á súa capacidade adquisitiva". Por iso -engade- "reservarase un 40 por cento das novas vivendas ao alugueiro".
O 40 por cento das novas vivendas públicas destinaranse ao alugueiro, en especial para os mozos.
Ademais, inclúen rebaixas fiscais "como a redución do pagamento de transmisión por mercar un baixo comercial para destinalo a vivenda do 8 por cento actual ao 6 por cento". Tamén, segundo explicou Miguel Corgos, a "rebaixa do 75 por cento no custo de actos xurídicos documentados para empresas que adquiran inmobles destinados ao alugueiro, que axudará a que teñan prezos máis competitivos".
Non tributarán as herdanzas de máis de 25.000 euros de familiares de segundo grao.
Falando de vantaxes fiscais, Miguel Corgos afondou no "alivio fiscal" que suporá para aqueles galegos que herden de tíos, sogros ou xenros, "que non pagarán se a cantidade é igual ou inferior aos 25.000 euros, e se é maior tamén terán unha rebaixa fiscal". Segundo o conselleiro, "esperamos que non teñan que pagar dúas de cada tres declaracións".
Con todo, a área que maior achega recibe é Sanidade. A este departamento destinaranse "250 millóns de euros máis que no ano anterior, co que acada a cifra total de 5.500 millóns de euros". Séguenlle educación, política social e traballo.
Para o conselleiro de Facenda estes orzamentos, que se achegan aos 14.000 millóns de euros son uns "presupostos elaborados con rigor e prudencia, feitos para responder ás inquedanzas e retos que teñen os galegos por diante" e con perspectiva de futuro, xa que "non só pensamos no ano que ven, senón nos vindeiros".
Para Corgos López-Prado é importante que estas contas se aproben en tempo e forma, para "seguir coa senda do crecemento". Lamenta a falta de coordinación co Estado e critica que o Ministerio de Facenda aínda non achegase as cifras de recadación total de impostos correspondente á nosa comunidade "que supoñen o 80 por cento dos nosos ingresos".
Sobre a taxa turística, o conselleiro de Facenda explica que "estará bonificada ao cen por cento por parte da Xunta, pero que os concellos poderán aplicar unha recarga sobre este tributo".
Remuda no sector público
Como titular de Administración Pública, Miguel Corgos referiuse á remuda do cadro de persoal público que ten que acometer a Administración ante a inminente xubilación de gran parte do seu persoal. Explicou "que están a elaborar un Plan Estratéxico de Recursos Humanos para determinar as necesidades futuras". Engade que "tamén hai que decidir como serán os procesos de selección, tendo en conta as novas titulacións do sistema educativo", pero sempre -subliñou- respectando os principios básicos de mérito e capacidade".