Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Arenteiro empata no Couto (1-1) a consegue o histórico ascenso á 1.ª RFEF

O Arenteiro empata no Couto (1-1) a consegue o histórico ascenso á 1.ª RFEF

O Ourense comezaba a xornada en posto de descenso, pero co empate volveu saír

G24.gal 16/04/2023 18:57 Última actualización 16/04/2023 19:08

O Arenteiro e o Ourense C. F. empataron no Couto. O resultado sérvelles aos dous equipos ourensáns nos seus obxectivos. Especialmente importante, definitivo, foi para o Arenteiro. O equipo do Carballiño precisaba iso, un punto, para asegurar matematicamente o ascenso á 1.ª Federación a catro xornadas do remate da Liga.

Saíron os de Javi Rey sen gana de especular e, logo dun par de aproximacións, adiantábanse no marcador grazas a unha rápida acción, con remate á rede de Adrián Cruz.

Pero o Ourense C. F. tamén está a xogar a vida neste treito final. Comezaba o día en posto de descenso, e precisaba polo menos un punto para saír desa posición diante dun rival que non perde lonxe do Espiñedo desde hai un ano. O equipo de Rubén Domínguez buscou a igualada no treito final da primeira metade, e conseguiuna na última acción, xusto antes do descanso. Foi entón cando Tiago anotaba o 1-1 cun preciso remate.

A segunda metade tivo moita menos historia. Para os dous equipos, o punto era unha gran recompensa, así que xogaron máis pendentes de conservalo que de buscar a vitoria. Malia a isto, o Ourense estivo preto de atopala na última xogada, cando un remate de Dani Salas saíu lambendo o pau. Non entrou, e a historia do ascenso do Arenteiro á Primeira Federación quedou escrita nesta calorosa tarde de abril no Couto.

Nada máis rematar o partido, era o propio presidente Argimiro Marnotes o que confirmaba nos micros da G2 que a festa se desprazaba axiña cara ao Carballiño, onde se presentaron os xogadores para compartir o éxito coa súa afección. A festa só acababa de comezar...

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar