O Baxi Ferrol, semifinalista da Eurocup de baloncesto
Sufriu no primeiro tempo diante do Sassari, pero acabou remontando no segundo e festexando un histórico pase á semifinal
O Baxi Ferrol é semifinalista da Eurocup de baloncesto. Na súa primeira participación europea festexou a clasificación diante do Dinamo Sassari despois de gañar o partido de volta. Traía da ida unha boa vantaxe (19 puntos) e certificou a superioridade nunha Malata ateigada.
O equipo italiano deuno todo no primeiro tempo á procura da remonta. Meteu moita presión e tentou poñer nervioso o Baxi. No primeiro cuarto chegou a ter oito puntos de vantaxe (13-21), pero aos dez minutos chegouse con máxima igualdade (22-23). No segundo cuarto mantívose esa dinámica ata o treito final cando o Sassari meteu un parcial de 1-9 para irse ao descanso ata a máxima diferenza de 11 puntos (36-47). Taylor, con 22 puntos, lideraba o ataque visitante.
Pero o partido cambiou radicalmente no segundo tempo. A defensa do Baxi mantiña a intensidade pero o Sassari xa non conseguía manter o ritmo. Joiner resultou fundamental con oito puntos case seguidos para igualar o encontro (51-51) e conseguiu entrar no último cuarto por diante (64-59). O festival foi total no último cuarto cun Sassari que baixou os brazos vendo que era imposible superar a eliminatoria e o Baxi deleitou aos seareiros con outro recital para meterse nas semifinais pola porta grande.