O Bergantiños gaña en Laredo (0-1) e fuxe dos postos de descenso
Abondoulle un gol de Cristian Moreno na primeira metade no campo do pechacancelas
Santi Canedo salvou o empate na segunda parte
O Bergantiños cumpriu na visita ao cabeiro da Segunda Federación. Levou a vitoria do campo do Laredo, grazas a un gol de Cristian Moreno á saída dun córner mediada a primeira metade, que lle abondou para afastarse momentaneamente a tres puntos da zona de descenso.
Foi un encontro con importancia das accións a balón parado. Ao saque dunha falta puido adiantar Tirado aos seus no inicio, e o Bergantiños tamén tivo deste xeito a súa primeira acción, á que non chegou Tiago por pouco. No treito final deste primeiro tempo, unha potente cabezada do central Cristian Moreno entrando desde atrás despexaba o camiño dos galegos.
Na segunda parte, o Laredo buscou a igualada. Emerxeu entón a figura de Santi Canedo, para parar primeiro un remate desde a frontal e, despois, cunha dobre intervención salvadora á saída dunha falta, que evitou o empate.
Tamén o Bergantiños tivo accións para sentenciar o choque, pero o marcador xa non se moveu. Os tres puntos viaxaron para Carballo, onde o Bergantiños xa ten 30.