O Breogán perde en Tenerife (88-81), logo da segunda semana consecutiva con prórroga
O Breogán perde en Tenerife (88-81), logo da segunda semana consecutiva con prórroga
O Breogán estivo preto nas Canarias de sumar a segunda vitoria da temporada, pero outra mala prórroga acabou por certificar a terceira derrota.
O Breogán entrou mellor no partido, e levou a iniciativa no primeiro cuarto, que plasmou cunha vantaxe que chegou a ser de 15-22. Pero, durante o segundo tempo, o acerto dos de Mrsic baixou dramaticamente. Os dez minutos remataron cun parcial de 11-3, o Tenerife era quen de darlle a volta ao marcador e levar o encontro ao descanso cun 29 a 27.
Á volta do descanso, o partido seguiu tendo unha baixa anotación, co que a diferenza seguiu a ser mínima. Este parcial rematou cun 43-42 que deixaba todo aberto para o último cuarto.
Nada máis iniciarse o último período, o Breogán colocouse por diante (43-44), pero chegaron entón dúas triplas consecutivas locais que, nun encontro de baixa anotación como este, obrigaban a Mrsic a pedir tempo morto. A cousa non cambiou despois da pausa e, ademais, os de Mrsic comezaron a ter problemas coas faltas. O Lenovo Tenerife aproveitou estes momentos para abrir unha fenda de 66-57 a falta de menos de 4 minutos para o remate. Comezou entón un intercambio de anotacións en que dúas triplas de Juan Fernández mantiveron no partido ap Breogán. Despois chegou o roubo decisivo e a tripla de Jogelas para empatar a 74. E, despois de perder o balón Marcelinho no seu último ataque, quedábanlle 5 segundos aos galegos para gañar. A última acción foi para Momirov, pero a súa tripla non entrou.
Por segunda xornada consecutiva, o Breogán decidía o partido nunha prórroga. E outra vez volveu perder. Marcelinho asumoi a responsabilidade polo bando local, e unha técnica ao banco con desvantaxe de catro foi determinante. O resultado final, 88-81, é a terceira derrota do temporada para os lugueses. O Tenerife acada a primeira vitoria.