O Celta Fortuna cae co Nástic (0-1) e perde o invicto en Balaídos
O Celta Fortuna cae co Nástic (0-1) e perde o invicto en Balaídos
Un gol solitario de Antoñín provocou a derrota do equipo vigués, que caera en Barreiro coa Cultural
O Celta caeu por primeira vez na temporada en Balaídos (xa o fixera en Barreiro contra a Cultural), nun partido en que o Nástic tirou de oficio e aproveitou a súa ocasión para levar a vitoria.
O partido comezou con dominio do filial, que gozou das dúas primeiras ocasións nas botas de El-Abdellaoui. Pero o novo futbolista celeste non foi quen de rematar entre os paus en inmellorables accións diante do porteiro.
Tamén tivo a súa á contra o Nastic neste treito inicial, sendo Antoñín o que rematou desviado. Superados estes minutos de tanteo, a seguinte boa ocasión chegou a balón parado, cun remate claro de Óscar Marcos que chapou Varo. E, do mesmo xeito, ía golpear primeiro o Nástic. Antoñín remataba un saque desde o curruncho e anotaba o primeiro, cos vigueses agardando por unha posible falta que o árbitro non sinalou.
Co Celta Fortuna intentando buscar o empate, o Nástic volveu ter unha contra clara, pero Marc Vidal resolveuna no man a man diante de Antoñín. O Nástic marchaba con vantaxe ao descanso, logo dunha primeira metade en que o Celta Fortuna comezou mellor, pero foi perdendo folgos co paso dos minutos.
No vestiario, Fredi moveu peza, metendo a Escobar no lugar do debutante El-Abdellaoui, un dos dous convocados polo primeiro equipo que tiñan que sair para o aeroporto. O outro foi Tincho, que marchou no 60'. Pero a primeira da segunda metade foi outra vez para Antoñín, que non atinou no remate a un gran servizo de Jardí. Xusto a seguir, unha conducción de Miguel Román aproveitábaa Johan para rematar desviado. E, minutos despois, volvía rachar a defensa Román para topar cunha boa parada de Varo. O Celta Fortuna non era quen de crear ocasións claras pero, no minuto 92, Óscar Marcos foi derrubado na área. O árbitro non quixo sinalar a pena máxima, e así rematou o partido. Primeira derrota do filial esta temporada no Estadio de Balaídos.