O Celta mantense con vida na pelexa por seguir na Liga Feminina
Gañoulle por 51-50 a Gran Canaria cun tiro libre no último segundo e segue a unha vitoria da permanencia
O Celta Femxa Zorka conseguiu unha vitoria fundamental diante do Gran Canaria para manterse con vida na Liga Feminina (51-50). A tres xornadas do final atópase a unha vitoria da permanencia, que marca o Araski, e continúa con opcións de seguir na máxima categoría.
O partido resultou moi emocionante e de escaso acerto. Comezou con dominio vigués (15-7 no primeiro cuarto) e chegou ao descanso catro arriba o equipo de Cristina Cantero (26-22). No terceiro cuarto o Gran Canaria equilibrou o partido e afrontou en vantaxe o derradeiro período (35-36).
Conseguiron as canarias marchar de cinco puntos pero o Celta reaccionou e volveu coller a dianteira a dous minutos do final (47-46). Nese treito decisivo houbo varias alternativas co Gran Canaria acadando o empate cunha canastra a oito segundos do final. A posesión definitiva xogouna Dornstauder e forzou unha falta a oito décimas para o remate. Anotou un dos dous tiros libres para festexar o triunfo.