O Celta visita o Camp Nou co protagonismo para o canteirán Gabri Veiga
A xornada pasada sacou o chándal e descubriuse coma titular esta campaña. Hai unha semana volveu amosar que é peza necesaria neste Celta de Coudet e levantou Balaídos cun gol cheo de esperanza.
Gabri Veiga pide paso. De xogador do filial a suplente. E agora titular e imaxe do club. Todo nunha semana. Futbolista de moda.
Mais, con calma. Xa amosou no Metropolitano que os grandes campos non o achican. Este domingo agarda o Barcelona.
Gabri xogará no Camp Nou e alí topará con Pedri. Estrela internacional. Xeración do 2002. Como Gabri. Un espello e un consello: "A presión é o inimigo de calquera futbolista. Tela que quitar desde o principio", indica.
E gozar, e vivir, e saborear -sen presión- cada momento dese invento tan fermoso chamado fútbol.
Na previa do partido falou Ariel Broggi, que vai sentar outra vez no banco, agora coa tranquilidade que da unha vitoria. O técnico confirmou que Iago Aspas está en perfectas condicións de xogar no Camp Nou, onde o Celta buscará outro bo resultado.