Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Compostela derrota ao Salamanca (1-0) e aférrase ás opcións de permanencia

O Compostela derrota ao Salamanca (1-0) e aférrase ás opcións de permanencia

Un gol de Markitos valeu a vitoria nove xornadas despois

O equipo de Secho queda con 32 puntos, a catro do play out e a seis da salvación

G24.gal 06/04/2025 22:02

O Compostela colleu aire no Vero Boquete cunha vitoria na primeira das cinco finais que lle faltan esta temporada. Foi ante o Salamanca, que non atopa o seu rumbo desde que o colleu o director xeral do club Rafa Dueñas. 

Os primeiros minutos foron de tenteo, cos dous equipos intentando facerse coa posesión pero sen crear excesivo perigo. Un remate cruzado do galego Yago foi o primeiro aviso dos salmantinos. E, no primeiro do Compostela, chegou o gol salvador. Roque centrou desde a dereita, Manu Barreiro levou con el os dous centrais e Markitos apareceu no segundo pau para marcar de cabeza. O gol foi un tesouro valiosísimo para un equipo que non se adiantaba no marcador desde había cinco xornadas, contra o Avilés. O Compostela mesmo puido ampliar a diferenza con outro par de accións de Markitos, pero coa vantaxe mínima chegouse ao descanso.

No intervalo, Dueñas meteu tres trocos e Juancho e Galván foron unha creba de cabeza para un Compostela que perdía terreo. Pero cos cambios de Secho e cunha defensa ordenada, os minutos foron pasando e o ímpeto dos visitantes, que puideron marcar en varias accións claras, como nun par de faltas e un remate de Lorenzo que sacou Rabanillo.

Co 1-0 rematou o partido, e o Compostela sumou a primeira das vitorias que precisa para achegarse á salvación. Arestora está a catro puntos do posto de play out e a seis da permanencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade