O Bergantiños consegue un épico empate no último minuto ante o Pontevedra (1-1)
O Pontevedra tivo a vitoria grazas ao gol de Miguel Cuesta ata o minuto 90 no que o gol de Tiago Rodríguez poñía as táboas no marcador
No minuto 40 o Pontevedra puido poñerse 2 a 0, mais o gol de Dalisson foi anulado por fóra de xogo
Pelayo Súarez foi substituído no minuto 70 por unha aparatosa lesión
Bergantiños e Pontevedra enfrontáronse nun partido clave da segunda RFEF. Na primeira metade, o encontro comezaba cun ritmo frenético cun Bergantiños que axiña comezou coas ofensivas en campo rival, mais a pesar disto sería no minuto 5 cando os visitantes da man de Miguel Cuesta tomarían vantaxe. Tras isto, o ritmo do xogo calmouse, pero a pesar disto o Pontevedra gozou de oportunidades para poñerse por diante no encontro sobre todo co polémico gol anulado a Dalisson en fóra de xogo no minuto 40.
Comezaba tras este intenso primeiro tempo a segunda metade na cal o Pontevedra asediou en múltiples ocasións aos locais que grazas as paradas de Santi Canedo evitaron o segundo tanto. No minuto 70 tería lugar un dos acontecementos máis duros do partido coa aparatosa lesión de Pelayo Suárez que tivo que abandonar de xeito inmediato o terreo de xogo tras un choque aéreo. Non obstante, o Pontevedra mantivo a calma e foi quen de controlar o ritmo de partido ata que no minuto 90 viría o gol de Tiago Rodríguez tras un saque de curruncho que poñía as táboas no marcador dándolle o ansiado empate aos de Carballo.
Con este resultado o Pontevedra segue mantendo o seu liderado e o Bergantiños sitúase a un punto do posto de playoffs que agora mesmo posúe o Fabril, rival co que se verán as caras na vindeira xornada como visitantes.