O Bergantiños suma a sexta vitoria consecutiva no Vero Boquete (0-2)
Pachón e Antañón marcaron para o equipo carballés que está a un paso da fase de ascenso
O Compostela suma a sétima xornada sen gañar e cada vez ten máis complicada a permanencia
O Bergantiños deulle continuidade á súa gran serie de resultados e sumou no Vero Boquete a sexta vitoria consecutiva. Gañou por 0-2 con goles de Álex Pachón (minuto 41) e Lucas Antañón (minuto 73) despois de recoller o rexeite dun penalti. Este resultado e o empate entre o Fabril e o Avilés achega ao cadro de Carballo á fase de ascenso.
Todo o contrario que un Compostela que queda afundido nos postos de descenso. Son xa sete xornadas sen gañar no treito decisivo da competición, o cambio de adestrador non serviu de acicate e o equipo marcha cara a Terceira Federación. Para colmo de males os triunfos do Llanera e do Escobedo poñen máis complicada a permanencia.